CRTVG

Buscar

Investigadas cinco persoas pola contaminación da auga de Corme que causou un andazo de gastroenterite

Publicado o 27/11/2019 11:49

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil da Coruña investiga cinco persoas como presuntas autoras dun delito contra a saúde pública e outro delito contra os recursos naturais e o medio ambiente en relación á contaminación da auga de Corme que causou un andazo de gastroenterite no municipio de Ponteceso o pasado mes de setembro.   

Segundo informou o Instituto Armado, os feitos ocorreron a finais do pasado mes de setembro tras un andazo de gastroenterite na localidade de Corme, por mor da contaminación das augas de abastecemento de Corme Porto-Ponteceso.   

A contaminación, subliñaron as mesmas fontes, foi "desencadeada por tres avarías consecutivas os días 18, 19 e 21 de setembro de 2019 que provocaron cortes de varias horas na rede de auga potable".   

A Garda Civil no marco da investigación logrou a identificación de "dous focos diferentes de contaminación cuxa acción combinada orixinou o episodio de gastroenterite que afectou centenares de veciños da localidade", subliñou o Instituto Armado.