CRTVG

Buscar

Interceptado no Vao un condutor que circulaba sen carné, nin seguro, nin ITV, e que deu positivo en drogas e alcol

Publicado o 10/01/2020 17:23
Interceptado no Vao un condutor que circulaba sen carné, nin seguro, nin ITV, e que deu positivo en drogas e alcol

A Garda Civil interceptou e denunciou penalmente un veciño de Pontevedra que foi sorprendido conducindo, co carné retirado, un vehículo que non dispuña de seguro obrigatorio nin pasara a ITV. Segundo informaron fontes do instituto armado, a actuación produciuse no marco dos controis que realizan estes axentes na zona do Vao, no municipio pontevedrés de Poio, para erradicar a venda de drogas. Así, na madrugada do venres, unha dotación de Seguridade Cidadá da Garda Civil identificou un condutor que tivera un accidente, unha saída de vía sen maiores consecuencias, cando este pretendía abandonar o poboado para eludir o control.

Os axentes comprobaron que o condutor era un veciño de Pontevedra, de 51 anos de idade e cun amplo historial delituoso, que ten retirado o permiso de conducir por sentenza xudicial firme, desde marzo. Ademais, tamén constataron que o coche non tiña seguro e non pasara a inspección técnica de vehículos. Por outra banda, o condutor foi sometido por axentes do Subsector de Tráfico a probas de alcoholemia e drogas, e deu resultado positivo en ambos os casos.

Á vista destes feitos, a Garda Civil formulou contra o condutor catro denuncias administrativas, que poden levar a perda de 12 puntos do permiso de conducir e unha sanción económica elevada. O implicado tamén foi considerado como presunto autor dun delito contra a seguridade do tráfico.