CRTVG

Buscar

Inmigrantes en Galicia denuncian a proliferación de estafas inmobiliarias

Publicado o 04/03/2020 13:55

Colectivos de inmigrantes alertan da proliferación de estafadores que se aproveitan da súa desesperación, especialmente entre os que chegan a Galicia de xeito irregular. Unha familia venezolana que anticipou 10.000 euros para mercar casa en Celanova descubriu, ao chegar, que non había tal casa.

No ámbito inmobiliario é onde a asociación Cantaclaro de axuda a inmigrantes e emigrantes retornados de Celanova detectou un maior número de casos. Inmigrantes que contactan vía Internet con supostos vendedores ou axencias inmobiliarias ficticias que, unha vez que reciben o primeiro ingreso, desaparecen sen deixar rastro. A presidenta da asociación cita un caso concreto en que a familia estafada perdeu 10.000 euros.

Daysi Ramírez, presidenta da asociación Cantaclaro de Celanova: "Cando chegou aquí, presentáronlle todo, a documentación, enviáronlle unha chave... e, ao chegar, a vivenda era doutra persoa".

Tamén detectaron estafas en ofertas de emprego e na venda de coches.

Daysi Ramírez: "Compran os coches nos talleres de despezamento, revéndenos e, cando a persoa vai facer as transaccións, o coche está dado de baixa ou non ten as características do que pagaron. Ata 7.000 euros por un coche".

Na Policía Nacional de Ourense só teñen constancia dunha denuncia. Unha brasileira que perdeu 500 euros de sinal para o alugueiro dunha vivenda que nunca chegou a concretarse. Desde a asociación advirten de que os afectados non denuncian por vergoña ou por medo, debido, en moitos casos, á súa situación irregular. Os estafadores, aclaran, aprovéitanse da súa desesperación.

Daysi Ramírez: "A xente, pola desesperación, fíase do boca a boca, fíanse das persoas".

Animan os afectados a poñérense en contacto coas asociacións de axuda a inmigrantes e cos propios concellos para que os asesoren e, sobre todo, que desconfíen dos anuncios virtuais e que recorran, exclusivamente, a empresas acreditadas.

Noticias web

04/03/2020