CRTVG

Buscar

Inditex logra un beneficio neto de 2.720 millóns de euros ata o 31 de outubro

Publicado o 11/12/2019 10:47

• As vendas medraron un 7,5% e sumaron 19.820 millóns

Resultado récord do grupo téxtil galego Inditex. Por vez primeira supera os 19.000 millóns en vendas durante os tres primeiros trimestres do seu exercicio fiscal. Entre febreiro e outubro deste ano, Inditex incrementou os seus ingresos un 7,5%.

Durante este mesmo período, o grupo obtivo un beneficio neto de 2.720 millóns de euros. O grupo téxtil galego Inditex ten á vista un novo récord anual despois de vender un 7,5% máis entre febreiro e outubro, ata os 19.820 millóns de euros.

É a primeira vez que o emporio cofundado por Amancio Ortega e que dirixe Pablo Isla supera a barreira dos 19.000 millóns vendidos nos tres primeiros trimestres do seu exercicio fiscal.

O 70% destas vendas proceden de Zara. O beneficio neto neste período é de 2.720 millóns de euros, un 12% máis que un ano antes.

A facturación do grupo durante o terceiro trimestre foi de 7.000 millóns, un 9,2% máis, o que representa o mellor dato de crecemento trimestral desde 2017. 

O xigante téxtil galego pechou os tres primeiros trimestres do exercicio 2019-2020 con preto de 7.500 tendas abertas, 44 máis que un ano antes, e ten presenza física xa en 96 países.

Segundo as contas remitidas á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), o resultado bruto de explotación (ebitda) situouse en 5.702 millóns, o 45 % máis.

A compañía destacou que, grazas ao forte desempeño operativo e á boa evolución do circulante, a caixa neta incrementouse o 17 % (7.734 millóns). A marxe bruta, magnitude en que poñen o foco os analistas pois mide a rendibilidade por pezas, mellorou en 21 puntos básicos e situouse no 58,2 %.

"Estes datos confirman a estratexia da compañía e demostran a solidez do crecemento do modelo integrado de tendas e en liña, sostido ao longo do tempo grazas a unha constante selección da mellor calidade en emprazamentos, espazos, produtos e servizos, a través dos investimentos necesarios en tecnoloxía e sustentabilidade", destacou o presidente de Inditex, Pablo Isla.

Inditex nomea conselleira a Anne Lange, experta en innovación tecnolóxica

O consello de administración nomeou conselleira independente a Anne Lange, experta en innovación tecnolóxica e actualmente conselleira de compañías como a operadora Orange, PernodRicard, o segundo maior grupo do mundo de viños e bebidas espirituosas, e FFP ('holding' da familia Peugeot).

Lange ocupará o posto de conselleiro que permanecía vacante desde que a Xunta de Accionistas de Inditex aprobou este verán a súa creación.

Coa súa incorporación, o máximo órgano de decisión do maior grupo téxtil pasará a estar composto por sete homes -Pablo Isla, Amancio Ortega, José Arnau, Carlos Crespo, José Luis Durán, Rodrigo Echenique e Emilio Saracho- e catro mulleres -Flora Pérez, Denise Patricia Kingsmill, Pilar López e Anne Lange-.

De nacionalidade francesa, Lange é unha emprendedora con máis de 25 anos de experiencia en innovación tecnolóxica, destacou Inditex, que coa súa fichaxe reforza a súa aposta polo desenvolvemento da súa plataforma global de venda integrada entre tendas físicas e a canle en liña.

Graduada por French Grandes Ecoles, Institut d'Etudes Politiques de Paris e Ecole Nationale d'Administration (ENA), Lange iniciou a súa carreira na oficina do primeiro ministro francés como xefa de departamento para as compañías de radiodifusión.

Posteriormente, traballou para compañías tecnolóxicas como Thomson ou Cisco, onde se especializou no desenvolvemento de novos procesos tecnolóxicos, organizativos e comerciais para impulsar a transformación dos negocios.

Cofundadora e ex-directora executiva de Mentis Services, provedor de software intelixente para servizos urbanos, Lange é fundadora e actual directiva de Adara, consultora que ofrece asesoramento en transformación estratéxica.