CRTVG

Buscar

Indignación entre os traballadores de Alcoa en Cervo ante o anuncio de despedimento colectivo

Publicado o 30/05/2020 20:15

TRABALLADORES ALCOA

Hai dous días que Alcoa comunicou o despido colectivo dos traballadores da planta de aluminio de San Cibrao. Era previsible, pero están igualmente indignados.
Supón a perda de cincocentos trinta e catro empregos directos e case outros tantos das empresas auxiliares.

"Que non se engane ninguén, que imos pelexar ata o último porque non imaxinamos un futuro na Mariña sen a fábrica de San Cibrao funcionando", manifesta o representante de CIG, José Paleo.

A empresa xustifica que o desmantelamento se debe á escasa demanda do aluminio e ao prezo da enerxía para producilo en San Cibrao. Os traballadores manteñen que a factoría é rendible. Piden a intervención do Goberno para manter a actividade.

O vicepresidente do comité de empresa explica que "levan co estatuto desde 2018 tentando sacalo e a día de hoxe non hai nada. Se o estatuto sae ou non sae para aguantar a situación e manter a planta en marcha si é necesario que interviñera".

O representante de UXT Diego Chao indica que "realmente sabemos que se pode solucionar porque todos os partidos así o din, pero de momento non hai solución".

A empresa recibiu 38 millóns de euros en axudas, que tería quedevolver se realmente leva a cabo o despido.

"O baixo prezo do aluminio é o mesmo para nosoutros que para as fábricas de Noruega ou Alemaña. En Noruega hai fábricas moito máis obsoletas que a de San Cibrao que teñen unha eficiencia peor e non teñen o seu futuro en cuestión", aclara José Paleo, representante de CIG.

Os traballadores preparan novas mobilizacións. Din que o peche supón a ruína da Mariña. A empresa achega case un terzo do produto interior bruto da provincia lucense.

Noticias web

30/05/2020