CRTVG

Buscar

Incorpóranse medio milleiro de MIR aos hospitais galegos en plena pandemia

Publicado o 06/10/2020 14:16

Medio milleiro de médicos internos residentes incorporáronse nas últimas semanas aos hospitais e centros de saúde galegos. Fano con catro meses de atraso por mor da pandemia, que tamén vai condicionar a súa actividade. Á formación habitual engaden neste caso as medidas extraordinarias que impón a covid−19.

Jacobo, 26 anos, licenciado en Medicina pola USC, está aterrando na área de oncoloxía do Hospital Universitario de Ourense. O trato co paciente foi a súa principal motivación para elixir esta especialidade.

Jacobo Pérez Abad, residente de oncoloxía: "A medida que ía estudando, íame gustando máis, sobre todo as prácticas, o trato co paciente; foi o máis determinante para elixir esta especialidade tan humana".

Nunca houbo tantos residentes coma este ano en Galicia: 472 prazas repartidas polas distintas áreas sanitarias. Tampouco a súa formación vai ser como a dos seus predecesores. A pandemia, que atrasou varios meses a súa incorporación, tamén condiciona a experiencia.

Antía Goberna, residente de enfermeiría obstétrico-xinecolóxica: "Neste caso é máis complicado porque, cando a muller é positiva, temos que levar o EPI, non é tan próxima a atención ao parto... Pero é a época que nos tocou e temos que levalo da mellor maneira que poidamos".

Jacobo Pérez Abad, residente de oncoloxía: "Cambia como na vida habitual: máscara, máis precaucións do normal... pero intentando sempre que o paciente siga ben".

Cada residente ten un titor que organiza o seu día a día e supervisa a formación.

Miguel Ángel Alonso, oncólogo e titor de residentes: "Trátase de converter estes mozos que veñen novos, licenciados en Medicina, e convertelos en médicos, nas distintas especialidades, que aprendan a tratar os pacientes de forma axeitada, porque son os médicos do futuro".

Por diante quédanlles uns anos máis de formación que pensan aproveitar ao máximo.

Antía Goberna, residente de enfermeiría obstétrico-xinecolóxica: "Conseguir ser o mellor profesional, aprender ao máximo e absorber de todas as maneiras de traballar —cada matrona traballa dunha maneira— e coller o mellor de cada unha".

Noticias web

06/10/2020