CRTVG

Buscar

Incerteza sobre os prezos no comezo da campaña da centola

Publicado o 09/11/2020 14:20

Os tripulantes do Ven e mira traen ao porto de Bueu as primeiras centolas da campaña que hoxe se estrea nas provincias de Pontevedra e da Coruña.

Fernando está a clasificalas e pedímoslle que faga unha primeira avaliación: "Vén como un sesenta por cento cunha calidade aceptable. Non é a mellor calidade, que aínda non estamos en decembro, pero é unha cantidade considerable e medianamente boa".

O momento está cheo de incerteza polas restricións que rodean a pandemia. Co que é toda unha incógnita a valoración que vai ter o produto. En todo caso, as opinións, apuntan un desexo; que os prezos se aproximarán aos do ano pasado.

José Manuel Rosas, patrón maior da confraría de pescadores San Martiño de Bueu di que "coa hostalaría pechada, sen perspectiva de que vaia haber ceas de empresa coa centola como prato clave. O ano pasado as pezas boas foron por riba dos doce euros. E se este ano chegamos a iso podemos dar cun canto nos dentes , pero despois de facer unha sondaxe aos compradores habituais, de momento a xente non se arrisca a mercar, porque a última hora igual non ten a quen venderllo".

Intervén Fenando para dicir: "Penso que vai levar un batacazo impresionante, como mínimo, oito euros menos que ano pasado. Mínimo. Se o ano pasado se mercou entre 18-20 euros o quilo os primeiros días. Eu non creo que vaia a máis de dez a centola boa, a femia de quilo para enriba e creo que o macho máis de 6-8 euros imaxino que non. Oxalá non, por ben de todos, pero...".

Este ano, co basculamento da frota do polbo, andan máis barcos á centola. Concretamente no porto de Bueu, son o dobre, uns trinta. O Patrón maior de  Bueu engade: "Eu fago un chamamento ao sentido común, que se traia o produto que estea ao cen por cento e  que se vaia deixando no mar o outra, porque se os prezos non van ser moi bos para o produto bo, que fará para o malo... e non imos estragar os recursos e daquela, chamo ao sentido común, máis que nada".

A cota máxima de captura para a centola e o boi está en 35 quilos por barco e día e 35 por cada tripulante.

Noticias web

09/11/2020