CRTVG

Buscar

Illados dezaseis pasaxeiros dun tren Barcelona-Vigo tras o positivo dunha muller

Publicado o 15/07/2020 17:25

• Este caso chega despois doutro positivo en autobús e outro en avión

• Un brote nunha cea en Madrid deixa tres casos en Galicia

• Sanidade pide que todos os que cheguen de fóra de Galicia se poñan en contacto co Sergas, tanto se teñen síntomas coma se non

 

Dezaseis pasaxeiros dun tren procedente de Barcelona que chegaron a Vigo esta fin de semana permanecen en illamento domiciliario despois de que unha muller que viaxaba a bordo dese positivo por coronavirus, informaron fontes do Servizo Galego de Saúde.

Deses dezaseis pasaxeiros só tres son de Vigo, e o resto de fóra de Galicia, precisaron as fontes.

Este caso súmase ao dun pasaxeiro dun voo de Madrid que aterrou en Vigo o sábado pasado e que tamén deu positivo, o cal supuxo que outras doce persoas se tiveran que illar nos seus domicilios para evitar contaxios.

O seguimento desta persoa contaxiada realízase desde a área sanitaria da Coruña. A este e a quen tivo un contacto máis estreito no citado voo efectuaráselles nos próximos días un seguimento con chamadas telefónicas diarias para preguntarlles se presentan síntomas da covid-19.

Sanidade intensifica o rastrexo dos contactos dos casos importados

En Betanzos hai seis positivos por coronavirus. Catro son da mesma familia e os outros dous conviven. Tiveron contacto con outros dous veciños que foran traballar á comarca de Lleida onde hai un brote.

Sanidade tamén segue de preto outros dous casos importados en Vigo. Un chegou nun voo a Peinador desde Madrid, e doce dos pasaxeiros que puideron ter máis contacto co positivo xa están illados. O outro caso chegou a Vigo nun tren procedente de Barcelona. Dezaseis persoas xa están illadas, tres na área de Vigo.

En casos coma estes, é esencial o traballo do servizo de vixilancia epidemiolóxica. "É facer unha investigación de onde estivo esa persoa 14 días antes e de quen foron os seus contactos desde dous dias antes do inicio de síntomas ata o momento en que se illa. É como se os forzásemos a facer un diario da súa vida previa, nos 14 días anteriores e posterior para poder saber os contactos", di Begoña Alonso, técnica preventivista na Xefatura Territorial de Sanidade na Coruña.

Para cortar de vez a cadea de transmisión do virus, Sanidade pide que todos os que veñan á nosa comunidade se poñan en contacto co Sergas aínda que non teñan síntomas. "Calquera persoa que chegue a Galicia e que non teña médico de cabeceira asignado, é dicir, calquera que veña doutra comunidade, non só doutro país, que se poña en contacto inmediatamente co sistema sanitario, e nós empezamos cunha pequena enquisa inicial, e, despois, se hai que facerlle probas xa se lle manda ao illamento. O fundamental non é que haxa un caso ou outro caso senón que non sumen, que non haxa unha persoa que poida circular coa sospeita de que sexa positivo", asegura Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade.

En total, en Galicia hai 238 casos activos de covid-19.