CRTVG

Buscar

Illado parte do equipo decanal da Facultade de Humanidades de Ferrol por un positivo

Publicado o 21/09/2020 19:42
Illado parte do equipo decanal da Facultade de Humanidades de Ferrol por un positivo

Parte do equipo decanal da Facultade de Humanidades e Documentación en Ferrol, correspondente á Universidade da Coruña (UDC), está illado desde o pasado venres tras dar positivo en coronavirus un dos seus membros. Con todo, segundo aseguran fontes da universidade, o centro abriu este luns as súas portas aos alumnos do novo curso 2020/21 "con normalidade" e co plan de continxencia activado.

De acordo con esta folla de ruta, a persoa que se contaxiou da covid-19 está de baixa laboral, mentres que o resto do equipo decanal, que está en illamento tras manter reunións co positivo, comezou o novo curso en teletraballo. Así, tal e como recalcan as mesmas fontes da UDC, os alumnos que este luns acudiron á facultade, que oferta catro graos e dous másteres, puideron iniciar as clases "sen problema". 

O plan da universidade coruñesa para o comezo do curso contempla, entre outras cuestións, a realización de tests serolóxicos ao seu persoal docente, investigador e de administración e servizos.

Este mesmo luns, o reitor da UDC, Julio Abalde, valorou que a docencia arrincou "con normalidade, dentro da anormalidade" dunha pandemia, á vez que pediu a aqueles estudantes e empregados que presenten síntomas ou que estiveran en contacto cun positivo que "teñen que quedar no seu domicilio" e desenvolver a súa actividade "con teleformación ou teletraballo", como é o caso da Facultade de Humanidades e Documentación.