CRTVG

Buscar

Críticas a Podemos por cualificar de esmola as doazóns de Amancio Ortega a hospitais públicos

Publicado o 20/05/2019 20:05

Un chío da candidata de Podemos á Comunidade de Madrid abriu a polémica. Isa Serra argumentou que a sanidade pública non debería aceptar as doazóns da Fundación Amancio Ortega, senón obrigalo a pagar os impostos que, segundo di, eluden as súas empresas. Unha idea que apoiou o líder do partido

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos: "Que saiba o señor Amancio Ortega, unha democracia digna non acepta esmolas de millonarios. Unha democracia digna fai que os millonarios paguen impostos e traten con dignidade os seus traballadores".

Un posicionamento que recibiu duras críticas de PP e Ciudadanos: "Eu quero vivir nun país onde non poida haber nin un só gobernante que poida renunciar á solidariedade en nome dos demais", dixo Albert Rivera.

"Paréceme dun sectarismo brutal e un insulto a moita xente que padece esas enfermidades e non pregunta no hospital quen puxo os cartos", afirmou o deputado popular Rafael Hernando

O Goberno defende que a renovación tecnolóxica dos hospitais se garanta con investimento público pero sen renunciar ás achegas filantrópicas do sector privado.

"Non é incompatible unha fiscalidade xusta con que as empresas poidan reverter parte dos seus beneficios a través de doazóns nos servizos públicos", afirmou a ministra de Facenda en funcións.

A Fundación Amancio Ortega doou ou comprometeuse a doar máquinas de nova xeración para diagnose en tratamento do cancro a hospitais públicos de toda España por valor de 320 millóns de euros.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/05/2019