CRTVG

Buscar

Iglesias quere modificar o código ético de Podemos

Publicado o 02/03/2020 13:32

Foi un dos mecanismos máis emblemáticos do que en Podemos denominaron rexeneración democrática. Cando naceu a formación morada, hai agora seis anos, estableceuse que os seus dirixentes non puidesen cobrar máis do triplo do salario mínimo interprofesional, o que daquela equivalía a pouco máis de 1.800 euros en 14 pagas anuais. O que excedese de aí debía entregarse ao partido ou a proxectos sociais.

Agora Pablo Iglesias quere eliminar ese tope, que coas últimas subas do SMI sería de 2.850 euros ao mes. Propón, a cambio, doar entre o 5 e o 30 por cento do cobrado, unha porcentaxe que iría en función de certas variables, unhas tan concretas como os fillos ou os maiores a cargo, e outras tan abstractas como o nivel de responsabilidade asumida ou o de exposición pública.

Non é o único cambio substancial que Iglesias pretende introducir. Tamén aspira a eliminar o máximo de 12 anos para permanecer nos órganos de dirección de Podemos. E aínda suxire unha terceira modificación do código ético do partido: suprimir a cláusula que fai incompatible exercer dous cargos públicos ou máis dun cargo interno. Cláusula que, de facto, xa veñen incumprindo o propio Iglesias ou Irene Montero desde que son ministros e deputados ao mesmo tempo.

Noticias web

02/03/2020