CRTVG

Buscar

Iglesias e Montero agradecen o apoio recibido tras as ameazas recibidas en Asturias

Publicado o 18/08/2020 17:03
Iglesias e Montero agradecen o apoio recibido tras as ameazas recibidas en Asturias

O vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, e a ministra de Igualdade, Irene Montero, que onte suspenderon a súa estancia vacacional xunto aos seus tres fillos ante as ameazas sufridas, agradeceron as mostras de apoio recibidas e avisaron de que seguirán cumprindo co seu traballo pese ao odio e as ameazas da ultradereita. 

Iglesias e Montero tomaron a decisión de regresar a Madrid despois de que apareceran mensaxes nas redes sociais -coa localización do lugar en que se atopaban- en que animaban a pasar a "saudar". Apareceu ademais unha pintada na estrada en que se lía: "Coletas, rata".

Ademais, xusto despois de chegar ao seu domicilio en Galapagar, Iglesias e Montero foron vítimas doutra concentración de varias persoas, que increparon o vicepresidente e a ministra durante máis dunha hora, segundo indicaron fontes da súa contorna.

Tratábase das mesmas persoas que se concentran a diario desde o pasado 15 de maio fronte ao seu domicilio, e contra cuxo organizador Iglesias interpuxo unha querela hai uns días.