CRTVG

Buscar

Iglesias e Montero acaban o seu descanso en Asturias "por seguridade" ante ameazas

Publicado o 17/08/2020 18:26
Iglesias e Montero acaban o seu descanso en Asturias "por seguridade" ante ameazas

O vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, e a ministra de Igualdade, Irene Montero, interromperon a súa estancia no municipio asturiano de Felgueras, no Val do Lena, onde pensaban pasar uns días de vacacións, pola "seguridade dos seus fillos" ante as ameazas e protestas pola súa presenza.

Fontes da súa contorna informaron de que a familia tomou a decisión de regresar a Madrid despois de que apareceran mensaxes nas redes sociais coa localización do lugar en que se atopaba Iglesias, animando a pasar a "saudalo".

Ademais, segundo denuncia a contorna do vicepresidente, tamén apareceu unha pintada en que se le: "Coletas, rata".

A familia pasaba as súas vacacións en Felgueras, no asturiano Val de Lena, nunha casa da familia do secretario xeral do PCE, Enrique Santiago, onde ían quedar uns días máis.

Con todo, ao facerse pública a súa localización e desencadearse as protestas, decidiron regresar á súa casa de Galapagar (Madrid), onde tamén foron obxecto de protestas nos últimos meses.

O ministro de Consumo, Alberto Garzón, lamentou o "acoso da extrema dereita" a Iglesias, Montero e os seus tres fillos e sinalou que é "inadmisible nunha democracia".

"Di moito e nada bo da dereita extrema española e a súa política do odio. A miña solidariedade plena coa familia", expresou o ministro a través de Twitter.