CRTVG

Buscar

Identifican unha molécula asociada ao rexeitamento no transplante cardíaco

Publicado o 28/10/2020 14:24

Investigadores do Complexo Hospitalario da Coruña identificaron unha molécula que advirte do risco de rexeitamento a un corazón transplantado. Detéctase cunha análise de sangue e podería substituír as actuais biopsias, moito máis invasivas. De momento, está en estudo.

A principal complicación á que se enfrontan os doentes despois dun transplante de corazón é o rexeitameno do órgano. Tras a operación, teñen que someterse a varias biopsias que permitan detectar ese risco precozmente, para que os médicos poidan administrar tratamentos efectivos a tempo. Son biopsias do corazón implantado, invasivas e con riscos.

"A busca dun método non invasivo de rexeitamenteo cardíaco que permita detectar o risco antes de que o órgano sufra foi unha das liñas de investigación que nos ocupou nas últimas décadas", explica Marisa Crespo Leiro, cardióloga do CHUAC e xefa do Centro de Investigación Biomédica en Rede

Os investigadores do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario da Coruña acaban de identificar unha molécula asociada aos pacientes con maior risco de rexeitamento, que se detecta nunha simple analítica.

"Son achados interesantes porque confirman que esta molécula podería no futuro ser un biomarcador de rexeitamento. Os pacientes que teñan este biomarcador pouco expresado probablemente podería envitar a biopsia do corazón e reservala só para cando existise unha sospeita clínica de rexeitamento", engade Marisa Crespo.

A investigación ten que continuar en máis centros e con máis pacientes antes de que se poida validar a efectividade da molécula como biomarcador de rexeitamento no transplante cardíaco.

Noticias web

28/10/2020