CRTVG

Buscar

Identificados os menores que estragaron dous bancos contra a intolerancia en Cambados

Publicado o 12/10/2020 14:18

Cometeron un acto vandálico e homófobo, gravárono e difundírono nas redes sociais. Uns rapaces menores de idade arrincaron dous bancos que se instalaran a semana pasada en Cambados para concienciar sobre os dereitos das persoas LGTBI e en contra do acoso escolar. Xa están identificados, grazas ao vídeo que eles mesmos difundiron.

O acto de vandalismo non só foi gravado polos propios autores senón que fachendosos publicaron a proeza nas redes sociais. Xa están localizados e enfrontaranse probablemente a unha sanción. O Concello de Cambados instalou a semana pasada dous bancos en dúas prazas da vila para concienciar contra o acoso escolar e visibilizar os dereitos das persoas LGTBI.

Os veciños lamentan e condenan estes actos.

Ao parecer, os autores son uns rapaces menores de idade que non atoparon mellor forma de pasar a xornada do domingo que danar o espazo público e ofender o colectivo LGTBI. Sara Aguado sabe ben o que signfica iso, leva algo máis dun ano vivindo en Cambados e xa se enfrontou á intolerancia.

Asegura que sufriu vexacións e insultos, e explica que está recollendo sinaturas para que este tipo de actos sexan considerados delitos de odio.

O Concello de Cambados vai volver poñer os bancos no seu sitio, na praza Ramón Cabanillas e na da Xuventude, as dúas moi preto do edificio consistorial. Os supostos autores deste acto xa están localizados e identificados.

A veciñanza pide que os menores sexan sancionados e que os seus proxenitores os conciencien de que este tipo de actos non poden repetirse. Sara pide respecto. Está promovendo a creación dunha asociación que vele polos dereitos do colectivo LGTBI na localidade.

Noticias web

12/10/2020