CRTVG

Buscar

A bolsa española sobe un 1,31%, impulsada polo plan de estímulo estadounidense

Publicado o 26/03/2020 22:28
A bolsa española sobe un 1,31%, impulsada polo plan de estímulo estadounidense
O IBEX 35 logrou dar a volta ao peche ao terminar cun ascenso do 1,31%, o que levou o selectivo a situarse nos 7.033,2 enteiros, nunha xornada de novo marcada pola incerteza ante o rápido avance do coronavirus en Europa e Estados Unidos e polo paro da actividade. Precisamente nos Estados Unidos o Senado aprobou o plan de estímulos económicos de dous billóns de dólares (1,84 billóns de euros) para facer fronte á pandemia do coronavirus, onde se confirmaron xa máis de 65.700 casos e o número de mortos alcanzou o milleiro.
Os líderes dos países do G20, que mantiveron unha reunión extraordinaria por teleconferencia para abordar a crise provocada polo COVID-19, comprometéronse a "facer todo o necesario" e facer uso de todos os medios ao seu alcance para minimizar o impacto social e económico da pandemia. Deste xeito, decidiron inxectar na economía "máis de 5 billóns de dólares (4,5 billóns de euros)" a través de medidas fiscais e de garantías económicas para impulsar o crecemento. Con todo, a directora xerente do Fondo Monetario Internacional (FMI) advertiu os líderes do G20 de que un número "excepcionalmente elevado" de países require de axuda de emerxencia da institución de maneira simultánea, polo que solicitou ás principais economías do mundo "duplicar" a capacidade da institución para prestar asistencia.