CRTVG

Buscar

Hoxe retoman a busca de Marta Calvo no vertedoiro de Dos Aguas

Publicado o 16/12/2019 09:38

Esta mañá retoman a busca do corpo de Marta Calvo, interrompida durante a fin de semana. Os traballos seguirán na localidade valenciana de Manuel, onde se lle perdeu a pista o 7 de novembro, E mais nun vertedoiro.

Onte, veciños de Sagunto concentráronse en apoio á familia e para pedir xustiza. Arredor dunhas duascentas persoas, entre amigos, familiares e veciños de Marta Calvo, concentrábanse onte en alí  para pedir respecto e xustiza. Non queren que este non sexa outro caso Marta del Castillo.

"Eses pais que non poden enterrar a súa filla, que non saben onde está... Aquí non pasa nada? É que non hai corpo".

"Importantísimo que haxa contundencia con asasinos e violadores".

O operativo de busca da moza valenciana retómase hoxe neste vertedoiro de Dos Aguas, onde xa se removeron a semana pasada 170 toneladas de lixo. Pero non só se busca en vertedoiros, tamén noutros puntos tras analizar a xeolocalización dos móbiles do presunto homicida. Porque os investigadores non cren a versión de que despezara a Marta na súa casa na localidade de Manuel tras un encontro sexual. Nesa vivenda non acharon restos de sangue, polo que non descartan que o corpo fose despezado noutra vivenda e mesmo que o presunto homicida recibise a axuda doutra persoa para desfacerse do corpo.

Ademais, a investigación agora ampliouse. Non só se reabriu o caso doutra prostituta que morrera tras un encontro sexual con Jorge Ignacio, outras dúas mulleres declararon que participaran nunha chamada festa branca con el, un xogo sexual con cocaína que, ao parecer, el practicaba habitualmente.

Con todo, aínda que os indicios contra el aumentan, os investigadores explican que habería que probar a intencionalidade de causar a morte con esta práctica para acusalo de asasinato, e iso non é tan doado. A clave estaría en demostrar se houbo consentimento ou non por parte das vítimas.
No caso de Marta Calvo, que non apareza o corpo favorece o presunto homicida, que nunca confesou o crime. Por iso mantén a estratexia do silencio.

Sen cadáver, demostrar a causa da morte é imposible. Por tanto, Jorge Ignacio que só recoñeceu o despezamento da vítima tras unha suposta morte accidental, só se enfrontaría a un delito de omisión do deber de socorro ou homicidio por imprudencia. Para condenalo por asasinato sen aparecer o corpo, terá que haber indicios moi sólidos ou que o faga un xurado. E iso só pasou en casos moi contados en España.

 

Noticias web

16/12/2019