CRTVG

Buscar

Feijóo, designado candidato á investidura, agarda unha lexislatura "dificilísima"

Publicado o 24/08/2020 14:11

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, designou este luns como candidato á investidura o actual presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, que emprenderá o seu cuarto mandato á fronte da Administración autonómica a partir do día 3 de setembro.

Para esa data está fixada a votación final dunha sesión de investidura en que o presidente galego ten garantida a súa reelección ao contar co apoio dos 42 deputados do grupo do PPdeG, maioría absoluta dunha Cámara conformada por 75 escanos e na que tamén están representados BNG (19) e PSdeG (14).

Núñez Feijóo acudiu este mediodía ao Pazo do Hórreo para reunirse con Santalices despois de que, ao longo da mañá, o presidente do Lexislativo galego mantivese conversacións con cada un dos portavoces dos grupos parlamentarios para decidir o candidato á investidura.

Só o PPdeG, a través do seu portavoz parlamentario Pedro Puy, propuxo un candidato, o xa mencionado presidente en funcións, que tras un encontro de algo menos de media hora compareceu ante os medios para trasladar que afronta "un momento clave" na súa vida persoal e política.

"Non é moi común poder afrontar un cuarto mandato e moito menos de forma consecutiva", declarou Núñez Feijóo, que asegurou que os cidadáns galegos serán o "obxectivo central" da súa actividade política no próximos catro anos.

Así mesmo, indicou que esta lexislatura será "dificilísima" polo complicado de xestionar unha crise sanitaria que -advertiu- non pode causar outra no plano social e económico.

"A cuarta lexislatura empeza con máscara e queremos finalizala sen esa máscara que imposibilita falar das cuestións que tiñamos previsto hai só uns meses", afirmou o presidente en funcións, que lamentou ter que aparcar proxectos económicos e sociais ante as eventualidades causadas polo virus.

Núñez Feijóo mesmo chegou a equiparar a situación actual coa vivida coa súa chegada ao Goberno galego en 2009, en plena recesión económica e co país ao bordo da intervención.

Así pois, comprometeuse a achegar "estabilidade" e experiencia de goberno ao longo dos próximos meses e expresou os seus desexos de que o próximo debate de investidura sexa "construtivo" e dea pé a un Goberno e a un Parlamento que, oposición incluída, traballen de forma coordinada "por unha Galicia que sexa capaz de facer fronte á pandemia e que evite os profundos efectos na economía e no ámbito social" da mesma.

A oposición tende a man

Mentres tanto, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xa adiantou esta mesma mañá, á súa saída da reunión mantida con Santalices, que non apoiará a investidura de Núñez Feijóo por representar un proxecto oposto ao do seu partido, aínda que tendeu a man a acordos en beneficio de Galicia para afrontar a crise da covid-19 da forma adecuada.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, preferiu non aclarar aínda cal será o sentido do seu voto neste debate, aínda que é de esperar que se opoña á designación dun presidente ao que lle esixiu cambios na súa xestión "para non seguir na liña dos recortes".

Ambos os partidos acataron o resultado das urnas e non proferiron grandes críticas contra o candidato á reelección, con quen se mostrou dispostos a cooperar sempre que as súas medidas non vaian en contra de prioridades como a defensa dos servizos públicos ou o coidado das liberdades individuais.

En canto ao grupo maioritario, Pedro Puy expresou a satisfacción do PPdeG por poder aumentar a súa representación respecto a a anterior lexislatura e considerou que "é necesario o concurso de todos" nesta lexislatura para poder combater a pandemia e tomar as medidas necesarias desde as institucións.

Noticias web

24/08/2020