CRTVG

Buscar

Industria reúnese cos gobernos de Galicia e Asturias e o fondo Parter para tratar a oferta sobre Alcoa

Publicado o 18/06/2019 15:18

 É unha xuntanza convocada para as tres desta tarde polo Ministerio de Industria. Citou o fondo Parter Capital, o único que mantén a oferta de compra das plantas que ten Alcoa na Coruña e Avilés, e tamén os representantes dos gobernos de Galicia e Asturias. No encontro, o grupo suízo vailles explicar o seu proxecto para as fábricas. Os traballadores din que eles tamén deberían estar sentados nesa mesa. Anuncian que permanecerán pechados ata que o Ministerio avale a operación e lles dea garantías de futuro. 

Do futuro de Alcoa falarase esta tarde. O Ministerio de Industra convocou a posible compradora e os representantes dos gobernos de Galicia e Asturias. Sentarán nunha mesa estatal sen os traballadores, que din sentirse abandonados. Juan Carlos Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa A Coruña: "Non sabemos por que se veta nestes momentos a representación dos traballadores. Parécenos inaudito que chegados os momentos máis difíciles nos deixe de lado".

O proxecto do fondo suízo Parter garante todo o emprego durante dous anos e condiciona o futuro a que baixe o prezo da electricidade. Os traballadores agardan que a operación se peche, pero con máis garantías. Piden ao Goberno central que aprobe canto antes un prezo competitivo da luz. Juan Carlos Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa A Coruña: "Falta que o ministerio avale todo este proceso. O investidor está aí. Quere arrancar a electrólise. Os que temos que cumprir agora somos os demais, como a Administración Central, que se comprometeu a darlle unhas condicións específicas para seguir producindo"

A de Parter é a oferta que avala a multinacional Alcoa fronte á da alemá Quantum, que prefiren en Avilés e que se descartou por non cumprir coas garantías financeiras.

A Xunta pídelle ao Goberno que garanta o compromiso dun prezo competitivo da electricidade para facer viable a única oferta que se está a negociar.  Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria: "Entendemos que o Goberno ten que asumir un compromiso sobre o prezo eléctrico. Ten que asumir un compromiso concreto sobre o estatuto dos traballadores. e, través desta garantía se poida asumir a viabilidade do proxecto de Parter"

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/06/2019