CRTVG

Buscar

Hostaleiros de Santiago propoñen ampliar as terrazas e acondicionalas para o inverno

Publicado o 25/09/2020 14:20

É a cidade galega con maior número de establecementos hostaleiros por habitante e ten nas terrazas un dos principais atractivos para turistas, estudantes e veciños. Pero en Santiago as terrazas, como as bicicletas, son para o verán. E iso é o que a asociación de hostalaría de Compostela quere cambiar para os vindeiros meses.

Así, explica Lois Lopes, o que pretenden é acondicionar as zonas con puntos de iluminación, quecedores e sistemas de protección para que a calefacción sexa eficiente e eficaz.

Deste xeito poderían paliar, segundo din, as reticencias da clientela a consumir no interior dos locais, que ademais teñen reducido a ocupación, e facer máis confortables as terrazas. Por iso propoñen tamén poder ampliar o seu espazo en zonas que a determinadas horas están reservadas para a carga e descarga dos vehículos comerciais.

Un dos hostaleiros da praza de Mazarelos explica que a ocupación destas zonas sería unha oportunidade porque están funcionando coa metade das mesas "e así chegariamos ao 80 ou 90 por cento das mesas que temos habitualmente".

Estas e outras propostas diríxenas ás administracións local, autonómica e estatal para tentar salvar un sector que dá traballo directo a unhas 4.000 persoas en Compostela. Por iso piden axudas directas para investir recursos na adaptación dos establecementos.

"Hai que facer investimentos, que serán para a subsistencia dos negocios, porque ninguén está pensando en obter beneficios este ano, nin siquera o ano que vén", di Lopes.

Desde esta asociación propoñen, tamén, potenciar eventos xa tradicionais na cidade, como o certame Santiago É-tapas, a festa da Uña de San Lázaro ou a festa histórica do Banquete de Conxo, que consigan dinamizar a vida social compostelá.

Noticias web

25/09/2020