CRTVG

Buscar

Hospitalizados once dos 87 anciáns contaxiados na residencia do Incio

Publicado o 26/08/2020 20:50

• Hai 113 positivos en total, tras detectar 49 nas últimas horas

• O Sergas inicia un cribado para coñecer o alcance do gromo

O foco que máis preocupa agora mesmo en Galicia é a residencia da terceira idade do Incio, onde se dispararon os contaxios nas últimas horas. As últimas probas PCR que se fixeron detectaron 31 positivos novos entre os usuarios e 18 novos contaxios entre o persoal que traballa na residencia. En total hai agora mesmo 113 infectados.

Son xa 87 os maiores que están contaxiados neste centro, dun total de 120 que viven aquí. É dicir, aproximadamente dous terzos dos usarios teñen coronavirus. Nas últimas horas, 11 deles foron trasladados ao HULA, ao hospital de Lugo. Son os que están máis graves, ou os que, polas patoloxías previas que presentan, teñen máis risco de empeorar.

Na residencia, onde lembremos xa faleceron tres usuarios, reforzouse o persoal coidador e os medios sanitarios. Están prohibidas as visitas e os anciáns viven separados en estancias distintas e atendidos por persoal diferente, para evitar, na medida do posible, novos contaxios.
Sanidade vai facer un cribado masivo entre todos os veciños do Incio para ver se o virus está concentrado aquí ou circulou pola vila.

Os novos casos detectáronse nun segundo cribado que se fixo entre todo o persoal da residencia que dera negativo nas primeiras probas, a semana pasada. Os resultados das PCR revelaron 49 novos contaxios: 31 anciáns e 18 traballadores. Estaban todos asintomáticos.

Ramón Arias, xerente da área sanitaria Lugo, Monforte, A Mariña: "Sabiamos que aínda estabamos dentro do período de incubación do virus e era previsible que houbese novos contaxios. E así foi".

O que máis preocupa é o estado dos anciáns. Agora mesmo están contaxiados 87 dos 120 que viven na residencia. 11 deles foron trasladados ao hospital. No centro, que é da Fundación San Rosendo, pero que está intervido pola Xunta, reforzouse o persoal, e médicos do Sergas levan o control de todos os usuarios.

Ramón Arias, xerente da Área Sanitaria Lugo, Monforte, A Mariña: "Temos un equipo de médicos do HULA que se despraza diariamente para pasarlles visita aos ingresados, e a propia residencia incrementou tamén o persoal".

Fóra da residencia detectáronse tres casos positivos no Incio, que xa estaban en corentena. Sanidade fará un cribado entre toda a poboación para coñecer o alcance do gromo.

Héctor Corujo, alcalde do Incio: "Persoal da Consellería está rastrexando os contactos dos positivos. Despois farase un cribado dos veciños do Incio para coñecer o alcance do gromo e artellar as medidas que correspondan".

O propio alcalde do Incio é unha das ducias de persoas da vila que agora mesmo están en corentena porque tiveron contacto con algún caso positivo.

Noticias web

26/08/2020