CRTVG

Buscar

Hortensia tamén trouxo nevaradas ás serras orientais do país

Publicado o 22/01/2021 13:59

A neve volveu de madrugada á montaña luguesa, que de novo quedou cuberta de branco por riba dos mil metros de altitude. Como consecuencia das nevaradas, Tráfico prohibiu a circulación de camións e de vehículos articulados nos altos do Poio e do Cebreiro, unha restrición que estivo vixente ata media mañá.

"As previsións non fallaron. Coa tremenda nevada que arrastrabamos dende había un mes, a choiva de onte e antonte limpounos perfectamente as estradas e sobre todo fixo que se fose a neve, que era en gran parte xeo. Así que estaba todo limpo, menos a neve que caeu esta noite, que outra vez debemos de ter sobre 10 ou 15 centímetros".

"Hai, ademais, unha quitaneves do Concello que fai que as aldeas non queden illadas. Si que é certo que hai pistas que se cobren facilmente. Ten moito que ver coa xistra, que adoita ser moi traizoeira porque nun momento pode cubrir con moita facilidade unha pista e facer que unha poboación quede illada", comentan varios veciños.

Estas novas nevaradas veñen sumarse ás que se produciron nas serras orientais dende que comezou o inverno, que está a ser menos suave ca os dos últimos anos. "Un día máis, volvemos ter neve. E xa debe de ser a terceira ou a cuarta deste ano". "Novamente queda claro que este ano temos abundancia. E aquí estamos, no alto da montaña, resistindo con resiliencia para tamén soportar os fríos que nos veñen. É o que toca, que estamos no inverno", engaden.

Conforme avance a xornada, prevese que suba a cota de neve ata situarse nos 1.200 metros pola noite.

Noticias web

22/01/2021