CRTVG

Buscar

Hortense deixa paso a Ignacio, con novos avisos por vento, ondada e chuvia

Publicado o 22/01/2021 20:02

Vento, chuvia e ata neve. Cumpríronse os prognósticos. . Hortense deixounos valados publicitarios polo chan. Ducias de árbores caídas nas cidades. Cubertas de edificios derrubadas. Só en Vigo, a Policía Local tivo que atender máis dun cento de incidencias esta noite. En zonas como a Terra Chá, a chuvia deixou moitos lugares asolagados. Segue o temporal no mar. E incluso no interior sufriron as súas consecuencias en forma de grandes nevaradas.

 Temos xa ás portas unha nova fronte que volverá traer a Galicia ventos fortes. Onde primeiro se vai notar é no mar. Dende as 9 desta noite terán vento de forza 9 e ondas de máis de 5 metros. Mañá sábado ese vento estenderase a toda a comunidade. E virá acompañado ademais de chuvia. Na provincia de Pontevedra poderemos chegar aos 40 litros por metro cadrado.

Hortensia deixou ao seu paso ducias de árbores caídas en toda Galicia. Esta derrubouse sobre o centro cívico de Teis, á beira dunha escola infantil e dun supermercado. Por sorte, non houbo danos. Máis impresionante aínda é como dobraron estes valos publicitarios. A policía de Vigo atendeu nas últimas horas máis dun cento de incidencias polo mal tempo.

O vento tamén levantou paneis do teito do patio deste edificio en Teixugueiras. Neste lugar hai unha oficina de emprego. Pero a hora da caída fai que non teñamos que lamentar feridos.

O temporal foi menos duro no norte da provincia, aínda que tamén levantou a cuberta deste edificio preto da praia de Lourido, en Poio.

No mar seguimos en alerta laranxa. Temos ondas de máis de 5 metros. E o vento volve soprar xa á unha media de 80 km por hora na costa da Coruña e na Mariña luguesa. A nosa frota terá que seguir amarrada.

A chuvia asolagou moitas zonas da Terra Chá. E para as vindeiras horas agárdase máis auga. En Pontevedra pode chegar aos 40 litros por metro cadrado.

O tránsito de camións estivo restrinxido na LU-633

A neve volveu ás zonas de alta montaña da provincia de Lugo. As intensas choivas dos últimos días borraran o manto branco que adoita cubrir este zona durante o inverno, pero foi por pouco tempo. A neve volveu da man de Hortense en cotas superiores aos 1.000 metros de altitude.

A nevarada provocou que durante a mañá se prohibise a circulación de camións e vehículos articulados na estrada que une LU-633 que une Pedrafita con Triacastela e as máquinas quitaneves volveron traballar arreo.

Canda a neve volveron tamén as temperaturas baixo cero . As mínimas rexistráronse nos Ancares e desta volta descenderon só ata 1,2 graos baixo cero.

Noticias web

22/01/2021