CRTVG

Buscar

Hai probas contundentes de contacto de covid-19 polo aire

Publicado o 06/10/2020 08:52

Outro informe científico publicado nas últimas horas advirte de que hai probas contundentes de que o coronavirus se contaxia polo aire. E urxe a trasladar as actividades ao exterior. 

Segundo unha carta que acaba de publicar a prestixiosa revista Science, o risco de contaxiarse da covid-19 podería ser case 20 veces maior en interiores ca no exterior. Así que, o de pechar parques e abrir bares sería xusto o contrario do que habería que facer. 

Os cientificos asinantes desta carta aseguran que a transmisión polo aire, a coñecida como vía aerosol, é moito máis contaxiosa ca a das gotiñas que se liberan ao respirar ou tusir. Os virus liberados en aerosol viaxan máis alá de dous metros, calcúlase que ata cinco, e poden acumularse no aire dos cuartos pechados. De aí a importancia da ventilación e de usar sempre máscaras en interiores.

Por outra banda, o director executivo da Organización Mundial da Saúde, Michael Ryan, dixo que probablemente o coronavirus infectou xa o 10 % da poboación do planeta, é dicir, uns 780 millóns de persoas, 22 veces máis ca os 35 millóns oficialmente diagnosticados e recoñecidos.

E isto, que significa? Pois que o 90 por cento do planeta aínda non se infectou, así que, o virus ten a oportunidade de estenderse moito máis.

 

 

Noticias web

06/10/2020