CRTVG

Buscar

Guerreiras na final: A selección feminina de balonmán fai historia

Publicado o 13/12/2019 21:21

A selección feminina de balonmán fai historia. Por primeira vez xogará a final dun campionato do mundo. E no camiño cara esas alturas nunca tocadas foi protagonista unha galega, Alicia Fernández: "Creo que ninguén esperaba que chegásemos ata aquí pero nós confiabamos no noso traballo e cada partido que ía pasando sabía que estabamos traballando ben e non quixemos adiantar acontecementos pero pasiño a pasiño gañámolo e puidemos chegar ata aquí", di a xogadora de Valdoviño.

Nese camiño ata aquí houbo só un momento de dúbida. As portas desta semifinal abríronse para as españolas cando despois de perder con Rusia viron nun bar e a través do portátil como Montenegro derrotaba a Suecia. A semifinal foi unha exhibición das Guerreiras. Dominaron a Noruega, tres veces campioa do mundo, cun xogo coral no que destacaron dende a gardameta Silvia Navarro, aos seus 40 anos, ata Almudena Rodríguez ou a mesma Alicia Fernández. Na final agarda Holanda pero a Alicia Fernández o rival non lle importa: "O importante era estarmos nós, saírmos concentradas hoxe para podermos estar alí e unha vez chegamos dá igual o rival, sairemos a por todas sexa quen sexa o rival, saíu Holanda pois tentaremos gañarllles e xa está", asegura

Este equipo que xa fixo historia ten ganas dunha festa maior quizais o domingo

Noticias web

13/12/2019