CRTVG

Buscar

Guaidó proponlle á comunidade internacional todas as opcións para liberar Venezuela

Publicado o 24/02/2019 15:26

Juan Guaidó vai propoñerlle á comunidade internacional todas as opcións para liberar Venezuela. O presidente da Asemblea acudirá o luns á reunión do Grupo de Lima, integrado por 14 países americanos, tras unha xornadas de moita tensión na fronteira polo envío de axuda humanitaria.

Os enfrontamentos acabaron con 4 mortos e ducias de feridos, a maioría veciños que acudían recoller axuda. A oposición informou de militares que desertaban para unirse á causa. As autoridades colombianas din que máis de 60 pediron refuxio no seu territorio.

Con todo, as fronteiras mantiveron o bloqueo ditado por Maduro, un bloqueo que deu paso á tensión e que acabou en enfrontamentos. Ocorreu tanto nos pasos de Colombia como nos brasileiros e foi aínda máis violento no lado venezolano.

Un deputado da oposición deu conta dun mínimo de catorce mortos, só na fronteira con Brasil. Os feridos cifráronse en preto de 300. Dous camións con axuda acabaron queimados, mentres o resto regresaba ás súas bases para resgardala carga.

Juan Guaidó dixo a través das redes que lle vai propoñer á comunidade internacional "ter abertas todas as opcións para liberar Venezuela" e anunciou que este luns se reunirá en Bogotá co Grupo de Lima e co vicepresidente dos Estados Unidos.

Nicolás Maduro, que sacou os seus simpatizantes ás rúas de Caracas, rompeu relacións con Colombia e fixo un chamado á poboación que está con el e ás forzas armadas. Os seus detractores tamén se manifestaron na capital venezolana para pedir o apoio dos militares.

 

Noticias web

24/02/2019