CRTVG

Buscar

Guaidó chega ao aeroporto de Caracas e é recibido por unha multitude

Publicado o 04/03/2019 20:28

Juan Guaidó, o presidente interino de Venezuela, xa está en Caracas. Chegou esta tarde ao aeroporto da capital, escoltado por diplomáticos de varios países, entre eles España, para intentar evitar a orde de detención ditada polo réxime de Maduro. De momento, conseguiuno.

Guaidó aterrou no aeroporto de Maiquetía en olor de multitudes, desafiando a Maduro e flanqueado por representantes da comunidade internacional, tras unha xira por varios países de América do Sur.

Sobre Guaidó, que en xaneiro asumiu funcións de "presidente encargado", pesaba unha ameaza de detención por parte do Goberno de Maduro, polo que pediu o apoio dos venezolanos na rúa.

O seu chamamento non caeu en saco roto. Milleiros de persoas responderon concentrándose en diversas cidades do pais. En Caracas, ante os milleiros que ateigaban unha céntrica praza, Guaidó adiantou que este martes ten previsto reunirse con sindicatos e funcionarios para facer un importante anuncio.

Ata o momento, nin a Fiscalía nin o Supremo nin ningún dirixente da chamada revolución bolivariana se pronunciou sobre o regreso de Guaidó pero o seu círculo máis próximo considera que a posibilidade de ser detido é real.


 

 

Noticias web

04/03/2019