CRTVG

Buscar

Guadi Galego, premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español por 'Immersion'

Publicado o 22/02/2020 22:38

Sete linguas de sete territorios da Península. Todas teñen cabida neste disco en que dialogan artistas de falas diferentes que se entenden ou que se senten. Un traballo que recibiu o premio á promoción plurilingüe do Estado e que recoñece o labor de Guadi Galego na difusión de todas estas linguas que conviven co castelán. Con estas palabras recollía o premio.

"Medrei na memoria da miña avoa, na lingua da miña bisavoa que miña nai, hoxe, recoñece nas palabras que din as miñas fillas. Esta lingua que debe seguir camiñando cara ao futuro, que é un ben que recibimos e transmitimos e que non debemos negarlles ás que veñen porque non é unha posesión. É un legado que nos enriquece. É a súa lingua, a súa identidade, os seus recordos e os seus afectos".

O significado deste recoñecemento vai máis aló do propio disco, como ben di Guadi Galego:
"É un premio ao meu xeito de entender o mundo, a como eu entendo que debería ser o mundo: ese mundo diverso, ese mundo plurar onde mudamos as fronteiras por pontes e onde valoramos a diversidade, a identidade e a idiosincrasia de cada territorio. E iso aplícado ao que eu fago que é a música".

Galego, portugués, éuscaro, catalán, aranés, asturiano e castelán todos teñen espazo en Immersion, que non é só lingüística, senón tamén cultural.

"Hai moita xente facendo grandes cousas noutras linguas, cunha poética particular, cunha sonoridade distinta, que son pobos distintos e son parte da nosa cultura tamén".

Por iso Guadi Galego pechou o seu discurso cun desexo común: "Mil primaveras máis para as nosas linguas". E que, ademais de existiren, cada unha destas falas estea "chea de vida".

Noticias web

22/02/2020