CRTVG

Buscar

Grupos de ultradereita e independentistas chocan nas rúas de Barcelona

Publicado o 18/10/2019 08:34

Por cuarta noite consecutiva, repetiuse o guión nas rúas de Barcelona, inda que a intensidade e o número de altercados foi bastante menor ca en noites anteriores.

Os CDR volveron convocar unha concentración, esta nos Xardíns de Gràcia, pleno centro, á que acudiron 13.000 persoas, segundo Garda Urbana. Ambiente festivo, xogos, música.

Pero pouco despois a tensión concentrábase nun punto en concreto, na praza Artós. Pasadas as nove da noite, aquí confluían dúas concentración de moi distinto signo, mesmo de ideoloxía antagónica.

Por un lado, grupos de ultradereita e, por outro, manifestantes independentistas. Por un lado, bandeiras franquistas e, por outro, unha pancarta que dicía: "Fóra fascistas dos nosos barrios". Un cordón policial evitou o choque entre ambos.

Inda que si houbo enfrontamentos. Varios neonazis agrediron con patadas e paus un mozo, ao que acurralaron e golpearon no chan. Asistírono veciños e outros manifestantes.

"Déronme cunha barra de ferro. Caín no chan e xa me caeu de todo", relata o agredido.

Algúns medios tamén informan de que un grupo de CDR agrediu tamén un ultra que portaba unha bandeira preconstitucional. 

Foi o máis salientable dunha noite en que volveu haber barricadas, incendio de contedores e cargas para despexar o paseo de Gràcia. Houbo un asalto a un banco e a un comercio, e lanzamento de material pirotécnico aos policías por parte de radicais que intentaban alcanzar a Delegación do Goberno.

Buch defende o dispositivo de Mossos e nega "conivencia con violentos"

O conseller de Interior,  Miquel  Buch, defendeu o dispositivo deste xoves en Barcelona ante as manifestacións antagónicas que derivaron en agresións mutuas entre ultras e independentistas e insistiu en que a policía catalá non ten "ningunha conivencia con persoas violentas".

En rolda de prensa, Buch garantiu que o Departamento de Interior "non tolera nin tolerará a grupos violentos que afectan á convivencia dos cataláns", tras a choiva de críticas aos Mossos d'Esquadra por non impedir que grupos de extrema dereita alcanzasen aos manifestantes independentistas. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/10/2019