CRTVG

Buscar

Greta Thunberg: "Os países ricos deben os primeiros en chegar ás emisións cero"

Publicado o 11/12/2019 10:19

Na loita contra o cambio climático "hai esperanza, pero non vén dos gobernos, nin das empresas", senón da sociedade e as persoas, que "son as que comezan a espertar" e a liderar a loita contra esta emerxencia.

Así de contundente mostrouse este mércores a activista sueca Greta Thunberg ante o plenario do Cumio do Clima en Madrid (COP25), que inicia a segunda xornada de negociacións de alto nivel desta cita internacional para acordar medidas contra o cambio climático.

Neste plenario a moza sueca viuse acompañada por centos de mozos activistas que aplaudiron con emoción as mensaxes que lanzou a esta conferencia das Nacións Unidas.

"Non hai un sentimento de emerxencia entre os nosos líderes, porque se o houbese terían un cambio na súa conduta", asegurou Thunberg, antes de preguntarse "como podemos facer para presionar, especialmente aos líderes?".

Hai que implicar todos os actores na loita

En tan só tres semanas comeza unha nova década que definirá o noso futuro, aseverou, ao tempo de subliñar que se necesita de solucións holísticas, que impliquen a todos os actores do cambio climático, para afrontar este problema.

Os países ricos son "os primeiros" que teñen que facer "a súa parte" na loita contra a emerxencia climática e "chegar os primeiros ás emisións cero", defendeu Greta Thunberg na súa intervención no plenario da COP25.

Para a moza ambientalista é ineludible que os países ricos asuman esa responsabilidade para que, posteriormente, poidan facelo os pobres, xa que na cuestión do cambio climático "non existe unha equidade" entre todas as nacións.

"Non se trata só de reducir as emisións de gases contaminantes, algo importante, o maior perigo vén da inacción dos políticos e dos directivos que pretenden actuar e non fan nada", insistiu.

É necesario facerlle caso á ciencia

Noutro momento da súa intervención, lembrou que hai que "facerlle caso á ciencia", algo que xa fixo este martes nun evento nesta COP25 con científicos e expertos en cambio climático de todo o mundo.

Para ela, "é importante non superar en 1,5 graos o aumento global da temperatura do planeta, porque iso desestabiliza o clima; a miña mensaxe -engadiu Greta- é como reaccionar a estas urxencias sen sentir pánico e ser alarmistas".

A mediática activista sueca, de 16 anos, chegou o pasado venres a Madrid procedente de Lisboa para participar en diversos actos do cumio climático que ten lugar na capital de España e que se clausurará o vindeiro venres.

Nos últimos 20 anos infravaloramos o cambio climático

No acto tamén participou Johan Rockström, o director do Instituto de Investigación do Impacto Climático de Potsdam (Alemaña), quen explicou que "nos últimos 20 anos infravaloramos os riscos do cambio climático, pero a ciencia di hoxe que poderiamos estar no punto de non retorno".

"2019 foi un ano escuro en termos de cambio climático, con inundacións, secas, miles de mortos por desastres climatolóxicos, pero tamén foi un ano único de evidencias científicas", agregou.

En opinión do experto "se a natureza fracasa, tamén o faremos nós".

Pola súa banda, a ministra española en funcións para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, unha das seis facilitadoras nomeadas pola COP25 para lograr un acordo en Madrid, urxiu tamén a escoitar "a voz da ciencia, das ONG, dos activistas e dos mozos, que nos di: xa basta".

Onde están os adultos?, pregúntanse os ecoloxistas

Tamén a directora executiva de Greenpeace, Jennifer Morgan, salientou que neste cumio "hai que arroxar luz", xa que "hai unha base firme de concienciación de todos os mozos, algo no que tamén coincidiu Thunberg nunha segunda intervención.

"É necesario desenvolver políticas climáticas", expresou Morgan, antes de preguntarse "onde están os líderes e adultos nesta sala?".

Ao final do acto numerosos mozos despediron a Greta Thunberg con bailes e cancións desde o escenario do plenario da COP25.

Moitos deles, con proclamas como "o pobo unido xamais será vencido", quixeron facer unha sentada e permanecer na sala, onde está previsto que continúe a sesión plenaria, e foron desaloxados. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí