CRTVG

Buscar

Gonzalo Caballero: "Feijóo é un Gallardón que aparenta o centro"

Publicado o 04/03/2020 12:16

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, di que o cambio político en Galicia está garantido cunha participación alta nas eleccións do 5 de abril. Presentado pola vicepresidenta Nadia Calviño nun almorzo informativo en Madrid, Gonzalo Caballero defendeu a xestión do Goberno de España na crise das electrointensivas e acusou a Feijóo de poñer paus nas rodas. Varios ministros do Goberno de Sánchez arrouparon o candidato socialista, que volveu pedir un debate a dous co presidente da Xunta.

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, asegurou este mércores que o líder do PP ás eleccións autonómicas, Alberto Núñez Feijóo, "non é moderado nin centrista, é un -Alberto Ruiz-Gallardón que tenta aparentar o centro pero é herdeiro de Romay BecCaría e do PP máis duro".

Nunha reunión informativa organizada por Nova Economía Fórum e arroupado por unha ampla representación de ministros e da Executiva socialista, Caballero arremeteu contra Feijóo, de quen asegurou "non ten a menor dúbida" de que pactará con Vox tras os comicios, porque "é un conservador en vea" e un "pésimo xestor" que socavou o sistema de saúde pública.

"Se cambiamos a Rajoy en España, podemos cambiar a Feijóo en Galicia", dixo o candidato socialista, convencido de que "hai vontade de cambio" e o PSdeG encara a campaña "co chaleco  antibalas posto porque o PP vai disparar por terra, mar e aire".

Caballero afirmou que o PP está en "condicións complicadísimas" para revalidar a maioría absoluta, e por iso os socialistas van activar a cidadanía que aspira ao cambio.

De feito, apuntou que en caso de lograr unha alta participación nas eleccións en Galicia, o 5 de abril, a vitoria progresista estará garantida.

O candidato socialista mostrouse convencido de que o PP pasará na "punta dos pés" pola campaña electoral porque non quere confrontar proxectos e indicou que pedira ao candidato do PP e actual presidente da Xunta que teña a "vontade e a coraxe" de afrontar un debate cara a cara: "Sei que Feijóo non vai aceptar, e vaise a esconder detrás do poder da Xunta".

Sobre posibles pactos tras a campaña e se está disposto a asumir o discurso do BNG, Caballero asegurou que "non demonizará" a ningunha forza progresista de esquerdas aínda que deixou claro que os socialistas "non son un partido de separatistas nin separadores".

Caballero asegurou que na pluralidade está o diálogo e a capacidade de encontro e considerou que un goberno de progreso pilotado polo PSdeG-PSOE daría estabilidade e solucións a Galicia.

Á pregunta de se teme que Cataluña sexa tratada mellor que Galicia, Caballero comprometeuse a defender que a súa Comunidade autónoma teña o trato que lle corresponde, e farao "con firmeza, esixencia e vontade cooperadora cun modelo de Estado multilateral".

No acto Caballero estivo arroupado por unha ampla representación do Goberno, incluídos o ministro de Xustiza Juan Carlos Campo, o de Transportes José Luís Ábalos, o de Agricultura Luís Planas, o de Cultura José Manuelñ Rodríguez Uribes e mais a ministra de Defensa Margarita Robles e a de Política Territorial Carolina Darias.

Tamén asistiu a vicesecretaria xeral do PSOE e portavoz do grupo parlamentario socialista Adriana Lastra e parte da Executiva federal do partido.