CRTVG

Buscar

Gonzalo Caballero: "En Galicia hai xa unha maioría social polo cambio"

Publicado o 06/07/2019 15:14

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, afirmou hoxe que as eleccións xerais e municipais amosaron que en Galicia hai xa unha maioría social polo cambio. Segundo Caballero, a Xunta de Feijóo fracasou nos principais retos do país e os socialistas están en condicións de encabezar o goberno que a substitúa.  

A escola de verán dos socialistas galegos reuniu hoxe en Santiago un cento de dirixentes e cargos públicos. O seu líder, Gonzalo Caballero, afirmou que as vitorias nos comicios xerais, europeos e municipais, unidas a outros resultados, debuxan en Galicia unha clara maioría social polo cambio. Dixo: "Medio millón de galegos que apoian o PSdeG, e ao que se suman centos de milleiros de galegos que votan por outras forzas políticas de esquerdas que tamén queren cambio. E isto reflicte unha nova maioría social en Galicia".

Ante os dous socialistas que chegaron a presidir o goberno galego, Caballero dixo que a de Feijóo é a Xunta dos recortes no Estado de benestar, da asfixia intelectual e do devalo demográfico. O Partido Popular xa non conecta cos galegos, dixo Caballero, que se postula como cabeza da alternativa. Sinalou: "Estamos en condicións de darlle a Galicia o mellor goberno para a prosperidade cando Feijóo queira convocar as eleccións autonómicas en Galicia".

Segundo Caballero, a socialdemocracia é o mellor freo para a ultradereita e o populismo en España e en Europa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/07/2019