CRTVG

Buscar

Gonzalo Caballero di que Feijóo deixa en Galicia unha crise de políticas sociais

Publicado o 09/03/2020 15:40

Gonzalo Caballero segue a percorrer Galicia presentando as candidaturas socialistas nas diferentes provincias.

Esta mañá estivo en Ourense e amosouse convencido de que, co equipo que presenta, haberá cambio a partir do vindeiro 5 de abril. Unha candidatura que encabezan as mesmas persoas que o fixeron nas pasadas eleccións xerais. Di Caballero que repiten polos bos resultados acadados.

O líder dos socialistas galegos e candidato manifestou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deixa "unha crise de políticas sociais e recortes" despois de once anos á fronte do Goberno galego. 

Así o expresou este luns durante o acto de presentación da candidatura do PSOE de cara ás eleccións autonómicas do 5 de abril pola provincia de Ourense, encabezada pola deputada do Congreso Marina Ortega e co senador Juan Carlos Francisco no posto número 2.  

Caballero fixo referencia ao PSOE como o "cambio progresista que Galicia demanda" e como a alternativa "fronte ao retroceso en materia laboral, a un rural despoboado, aos peores datos demográficos de calquera Comunidade de España e aos recortes en políticas sociais e sanitarias".   Neste escenario sinalou a Feijóo como o "culpable" de "deixar unha Galicia peor da que se atopou á súa chegada á Xunta hai 11 anos" e para exemplarizar estas afirmacións sinalou que "Galicia conta con 70.000 persoas ocupadas menos" e que "por cada galego que nace morren dous".

Noticias web

09/03/2020