CRTVG

Buscar

Gonzalo Caballero celebra o "novo triunfo" do PSdeG fronte á "hecatombe" do PP

Publicado o 27/05/2019 10:06

Satisfacción no PSdeG cos resultados optidos nestas eleccións. O secretario xeral da formación, Gonzalo Caballero, di que se abre un novo escenario político en Galicia.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG: "Un resultado histórico para o noso partido, que é a forza política que máis sobe en apoio e representación e que nos pon nun novo escenario político en Galicia. Hai unha nova maioría social en Galicia, unha maioría progresista, de esquerdas, liderada con claridade polo PSdeG, que abre un novo tempo político e que pon a Feijóo e ao PP nun ciclo de derrubamento electoral, de retroceso histórico para o PP, que ve como o tempo político en que a dereita controlaba Galicia xa non se vai repetir".

O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, celebrou o "novo triunfo" do PSdeG fronte á "hecatombe" do PP nas eleccións municipais e europeas deste domingo en Galicia. "O PP empeza a ser parte da historia de Galicia pero nós queremos ser o presente e o futuro dos galegos", sinalou.

Gonzalo Caballero compareceu ante os medios, aos que trasladou que a deste domingo é unha "noite histórica" para a política galega.

"Despois de que o PSdeG fose primeira forza en Galicia nas eleccións xerais do 28 de abril, hai un novo triunfo electoral do Partido Socialista, que podemos sinalar que é a forza política que lidera unha maioría de progreso en Galicia", manifestou. 

Ademais, tamén se referiu aos resultados dos comicios á Eurocámara.

"Queremos pór en valor que nas eleccións Europeas en Galicia, o PSdeG, con medio millón de votos, volve ser a primeira forza política en Galicia", expresou.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí