CRTVG

Buscar

Goberno e comunidades estudan axudas pola creba de Thomas Cook

Publicado o 24/09/2019 21:31

Comeza a perfilarse o impacto da creba de Thomas Cook no sector turístico español. Nas Canarias, por exemplo, a compañía británica alimentaba o 6% do PIB da comunidade e os seus avións eran a principal vía de entrada de visitantes.

Yaiza Castilla, conselleira de Turismo das Canarias, di que "Thomas Cook supón máis do 80% no arquipélago canario, co cal a desaparición, a creba desta compañía nas Canarias supón a maior crise turística que podemos ter no arquipélago".

As Baleares e, en menor medida, Cataluña, a Comunidade Valenciana e Andalucía son as outras grandes afectadas. Os seus conselleiros pedíronlle á ministra en funcións medidas para paliar un impacto económico que algunhas fontes cifran en 200 millóns de euros. Reyes Maroto apuntaba algunha das prioridades.

Reyes Maroto, ministra de Industria, Comercio e Turismo en funcións, quere "asegurar a conectividade para, polo menos, non perder todo o volume de turistas que ata decembro e na tempada de 2019 tiñan xa comprometida a viaxe vacacional con Thomas Cook".

Entre as medidas que se barallan está a exención temporal de taxas aéreas ou bonificacións a outras compañías aéreas para que cubran o oco que vai deixar Thomas Cook. Tamén piden rebaixas nas cotizacións para mitigar o impacto na hostelería.

Rafael Gallego, presidente da Confederación Española de Axencias de Viaxes, explica que "a forma de pagamento que tiña esta compañía era de facelo aos 90 días, os que non cobraron perderon todo ese diñeiro. Na hostalería achégase aos 200 millóns".

As medidas definitivas perfilaranse nunha reunión interministerial nos vindeiros días.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/09/2019