CRTVG

Buscar

O Goberno pacta con Cs que a nova prórroga sexa de 15 días e non dun mes

Publicado o 19/05/2020 15:55

O Goberno aproba  unha nova prorrogación do estado de alarma. Pero o Executivo renuncia a pedila dun mes despois de chegar a un acordo con Ciudadanos, que condicionaba o seu apoio a que a duración fose de 15 días. Co pacto co partido de  Arrimadas, o Goberno vai salvar esta quinta prórroga no Congreso.

O Goberno quería que a que será a quinta prorrogación do estado de alarma fose a derradeira. Por iso propoñía que durase un mes. O Consello de Ministros deste martes mesmo lle deu o visto e prace. Pero a última hora deu marcha atrás. O motivo: o Goberno conseguía o apoio de Ciudadanos, pero a cambio a prórroga tiña que ser como as anteriores, de 15 días de duración. Para a formación laranxa este acordo logra "illar as demandas dos nacionalistas".

"O presidente do Goberno tiña dous camiños. Tiña o camiño de Ciudadanos e tiña o camiño de Esquerra Republicana de Cataluña. Calquera concesión que se puidera outorgar aos nacionalistas sería incompatible con este acordo", di Edmundo Bal, de Ciudadanos.

No Goberno negan que aceptasen esta condición de Ciudadanos. De momento, o acordo coa formación laranxa achándalle o camiño ao Executivo, e o voto de Esquerra xa non é indispensable

A portavoz de ERC, Marta Vilalta, dixo este martes pola noite que ve "lonxe" a posibilidade de que os republicanos faciliten coa súa abstención a prórroga do estado de alarma na próxima votación no Congreso e acusou o Goberno de Pedro Sánchez de "preferir" pactar con Ciudadanis.

As condicións de ERC pasan por poñer fin ao "mando único", permitir que a Generalitat recupere as súas competencias e poida decidir sobre a desescalada e retomar os traballos da mesa de diálogo sobre Cataluña.

O PNV tampouco ten fixada a súa posición, están pendentes da letra miúda desta nova prorrogación.

O BNG mantense na abstención pero non descarta virar ao si no caso de que o Goberno acepte a súas demandas. "O BNG vai facilitar a aprobación desta prórroga cunha actitude responsable e colaborativa que vimos mantendo desde o principio e iso quere dicir que en ningún caso imos votar en contra", asegura Néstor Rego.

Segundo dixo a voceira do Goberno María Jesús Montero, o decreto reflicte "o diferente momento que empezamos a vivir", de forma que se adaptará "a unha evolución asimétrica e gradual desta desescalada e será a soberanía popular quen terá que decidir".

A que é inamovible é a postura do PP; votará en contra. Aínda así o Goberno mantén o chamamento a todos os partidos para que apoien a prórroga.

"Apoiar o decreto de alarma non é apoiar o Goberno nin forma parte de ningún proxecto político, o único que propón é o compromiso coa saúde dos cidadáns. Os que non queren apoiar o decreto de alarma ou os que se autoexclúen das conversas para consensualo, en realidade o que están trasladando é que non haxa restricción da mobilidade", di María Jesús Montero, ministra portavoz do Goberno.

Segundo informou a Moncloa, durante estes quince días o Executivo comprométese a analizar as medidas e, no seu caso, reformas lexislativas necesarias que permitan unha saída ordenada do estado de alarma e a xestión da pandemia nese momento, xa sen a utilización da ferramenta constitucional da declaración de alarma.

O acordo con Ciudadanos prevé así mesmo aumentar nun mes, de tres a catro, o prazo para ingresaren impostos os contribuíntes sen xuros de demora e mais axilizar o pagamento de prestacións por ERTE ou desemprego a quen aínda non o cobrou para que poida percibilo durante o mes de xuño, como moi tarde, e dar prioridade para a resolución de posibles incidencias respecto diso. 

A tal hora, ao Goberno sáenlle as contas para conseguir o visto e prace do Congreso á prorrogación do estado de alarma ata o 7 de xuño.