CRTVG

Buscar

O Goberno aprobará a demora no pagamento de impostos de autónomos e pemes

Publicado o 13/04/2020 23:11

Na axenda do Consello de Minstros deeste martes está a ampliación do prazo de presentación dos impostos para autónomos e pemes, pero a renda mínima vital promovida por Podemos aínda terá que agardar. O ministro de Seguridade Social asegura que se está a traballar no seu deseño e que se porá en marcha cando o proxecto estea listo.

O Goberno dálles máis tempo a autónomos e pequenas empresas para pagaren os impostos. Debían aboar o IVE, o IRPF e a parte trimestral do Imposto de Sociedades antes do 20 de abril. O Consello de Ministros aprobará mañá unha prorrogación dun mes, por tanto non o terán que facer ata o 20 de maio. A medida beneficiará as empresas que facturen menos de 600.000 euros ao ano.

A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, xa avanzou o pasado venres esta medida, que responde ás peticións de colectivos empresariais e que suporá adiar ata o 20 de maio o pagamento dos impostos que terían que presentarse como moi tarde o 20 de abril. Son a liquidación do IVE do primeiro trimestre, os pagamentos fraccionados do IRPF e o imposto de sociedades.

A ministra tamén anunciou que se permitirá a autónomos e pemes renunciaren ao sistema de módulos para tributar por estimación directa de forma temporal ante a caída de ingresos, unha medida que segundo a asociación de autónomos UPTA será aprobada mañá, pero que fontes do Goberno indican que podería atrasarse.

Pola súa banda, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, comunicoulles tamén este luns ás organizacións de autónomos ATA, UPTA e Uatae a posta en marcha a semana que vén da mesa de diálogo cos autónomos, que se reunirá semanalmente, tras senllos encontros nos que estivo presente tamén a directora xeral de Autónomos, Marabillas Espín.

O presidente da asociación de traballadores autónomos (ATA), Lorenzo Amor, pediulle á ministra que "non deixe no camiño os 1,4 millóns de autónomos que non teñen acceso á prestación por cesamento de actividade extraordinario", e que lles suspenda as cotizacións sociais. Amor trasladou que, aínda que un millón van ter acceso á prestación por cesamento de actividade extraordinario e outros 800.000 están a facturar e tendo "unha actividade relativa e medio normal", hai 1.400.000 que "o están pasando moi mal".

Para ese colectivo, ATA reclama a suspensión das cotizacións sociais de abril, porque seguen activos e por tanto non cobrarán a prestación por cesamento de actividade, pero "non saben o que van facturar".

Ademais, criticou que o requisito para acceder ao cesamento de actividade sexa unha caída de ingresos do 75 %, cando para poder beneficiarse dunha moratoria hipotecaria só se reclama un descenso do 40 %.

Na Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), o seu secretario xeral, Eduardo Abad, pediu a rebaixa do 75 % ao 50 % na minoración dos ingresos requirida para acceder ao cesamento de actividade, e tamén que se inclúan os alugueiros de comercios na moratoria. Tamén lle pediu á ministra que se adíe ao segundo trimestre o pagamento dos impostos do primeiro e que se aborde un plan estratéxico de dixitalización para o colectivo, que "ve imposible acometer" a actividade no futuro co cambio nas formas de consumo que trouxo consigo a pandemia.

A secretaria xeral da Unión de Asociacións de Traballadores Autónomos e Emprendedores (UATA), María José Landaburu, pediu tamén rebaixar o limiar de caída dos ingresos para acceder ao cesamento de actividade, actualmente no 75 %, e levalo, "nalgúns sectores especialmente golpeados, ao 40 %".

Landaburu pediu tamén estender a prestación aos 20.000 autónomos de tempada do sector turístico e aos 400.000 sen mutua colaboradora asignada.

Ingreso mínimo vital

A aprobación do ingreso mínimo vital terá que agardar. Un millón de fogares é a previsión de beneficiarios desta renda, segundo baralla José Luis Escrivá, nunha entrevista no xornal El País.

A medida non vai hoxe ao Consello de Ministros, baixo a premisa de que o seu departamento a está deseñando. Di que será estrutural, non provisoria, e que vén para quedar. Frea así a iniciativa da Vicepresidencia de Dereitos Sociais, a cargo de Pablo Iglesias, que o xoves anunciou a tramitación do Ingreso Mínimo Vital Ponte, prosposta que Escrivá cualifica de iniciativa benintencionada.