CRTVG

Buscar

Galicia vive unha noite de San Xoán atípica lonxe de praias e espazos públicos

Publicado o 24/06/2020 00:13

• A Coruña e Nigrán pechan o acceso ás praias para evitar aglomeracións

• Marín é un dos poucos concellos que autorizou fogueiras en espazos públicos

• A Estrada retransmite por Internet as celebracións doutros anos

O San Xoán reinvéntase en Galicia para garantir a seguridade sen renunciar de todo á festa. Na Estrada retransmiten por Internet as celebracións doutros anos, pero o lume de verdade arderá sobre todo en terreos privados, e non tanto nos espazos públicos. Moitos concellos costeiros blindan as praias para evitar cacharelas clandestinas.

O Concello da Coruña é o que máis sofre a cancelación dunha festa que alí está declarada de Interese Turístico Internacional. Este ano non vai haber fogueiras multitudinarias nas praias, e hai despregado un gran dispositivo de vixilancia para evitar aglomeracións

O que non pode faltar esta noite son as sardiñas. Sardiñadas si, pero con restricións  Moitos bares e restaurantes xa as prepararon ao mediodía, e agora volven ofrecelas para cear. Iso si, teñen que ser sardiñadas seguras, cun control estrito da asistencia. 

Marín tamén pechou as praias para evitar celebracións multitudinarias, pero é dos poucos concellos galegos que autorizou fogueiras en lugares públicos. Xa o teñen todo listo para queimar as malas experiencias do último ano e atraer a boa sorte.

Cacharela en liña na Estrada

A Covid-19 estanos obrigando este ano a despregar moita imaxinación para celebrar o San Xoán sen que se produzan contaxios. No concello da Estrada a tradicional fogueira do Areal de Berres poderá verse dende a casa a través de Internet.

O Concello organizou un espectáculo de dúas horas con cacharela e música, pero sen público. A emisión comeza ás dez e media da noite e poderá seguirse a través dunha ligazón na propia páxina do Concello.

Unha noite para celebrar, pero de xeito seguro

Este ano non veremos cacharelas nas praias. Unha imaxe insólita para un San Xoán en concellos coma este de Marín. Haberá fogueiras noutros lugares públicos. E os que asistan terán que ir con máscara e alí gardar a distancia de seguridade coas demais persoas. Nalgúns lugares os hostaleiros poderán instalar asadores para sardiñas no exterior. Se alguén está tentado a saltar as normas, que saiba que os areais van estar vixiados e que nalgúns concellos comezarán a desaloxalos ás 9 da noite.

As cacharelas iluminarán Marín esta noite de San Xoán. Non se poderán facer nas praias, pero si están autorizadas preto de 120 fogueiras noutros lugares, oito delas públicas. Ademais, os hostaleiros poden instalar asadores no exterior. As medidas de seguridade e hixiene extrémanse polo coronavirus.

Benigno Blanco, xefe da Policía Local de Marín: "Facer unha diferereciación entre a entrada e a saída das cacharelas, distancia física de seguridade de metro e medio como mínimo e uso obrigatorio da máscara"

A policía ten listo o dispositivo de seguridade para que se respecten as normas. Mentres, os veciños apuran as últimas horas dos preparativos.

Juan Quintas, veciño de Marín: "Trouxemos un par de camións de leña e o que tiña unhas madeiras na casa tamén as trouxo para a queima"

No concello de Nigrán, máis de 50 axentes e 23 voluntarios de Protección Civil encárganse de vixiar as praias.

Iago Álvarez- Protección Civil de Val Miñor: "A partir das nove da noite a praia empezará a desaloxarse para evitar as aglomeracións que hai sempre pola festa de San Xoán"

Neste municipio haberá arredor de 15 cacharelas organizadas por particulares, outras tantas en Baiona e nove en Gondomar.

Saridiñas si, pero praia non na Coruña

Os locais de hostalería coruñeses xa comezaron a prender as grellas para facer o churrasco e a sardiñada de San Xoán. Van ser menos que outros anos polas medidas de seguridade. Este do Orzán vai manter a tradición desta noite máxica, aínda que vai ser a sardiñada da nova normalidade

 "A verdade querémola facer porque xa é unha tradición no Ágora desde 2006 o facer a sardiñada por San Xoán. Esta vez vai ser un pouco distinto, con máis distancia, con máis precaución polo tema da nova normalidade e imos ver...". sinala Manuel López Magalaes

Pero en case todos os barrios da cidade se van celebrar centos sardiñadas, permitidas polo Concello nos espazo púbicos.A maioría vai ter acollida reducida

 "Está todo reservado e está todo controlado e non vai entrar ninguén máis, claro. Entón por iso mesmo a xente que non teña reserva non vai poder entrar". di Luis Estévez

Porén hai algunhas excepcións, os hostaleiros da rúa de San Xoán onde esta noite se celebra ao grande decidiron por seguridade non facer sardiñadas

 " Este ano, xa non é a rúa, é toda a zona, rúa San Xosé, Orillamar, praza das Atochas, xunto con nós, decidimos non facer ningún tipo de barbacoa", afirma Jorge Rilo

As sardiñadas non están permitidas en parques nin en zonas forestais.

Un roteiro para coñecer e recoller as herbas de San Xoán

Unha pequena charla antes de comezar a camiñada.Unha toma de contacto coas herbas que figuran na guía distribuída entre os participantes e que logo se van a recoller durante o paseo. 

Son numerosas as especies de plantas, flores e árbores que en cada recuncho de Galicia se consideran herbas de San Xoán. Esta actividade serve para descubrir o tesouro que se agocha en cada pequena herbeira que medra á beira dunha corredoira.

Pérdese na noite dos tempos a orixe dun ritual purificador que cobra sentido na noite de San Xoán, que ten que ver co solsticio de verán e o cambio de estación. Presente aínda en moitas zonas do rural, porén está case esquecida na vida urbana.

Ademais das súas propeidades medicinais ou aromáticas, a importancia das herbas de San Xoán reside tamén nos seus múltiples e variados nomes, que fala da riqueza da nosa lingua.

Coma toda a vida natural, as herbas de San Xoán teñen tamén inimigos. Os herbicidas, a colleita masiva e as rozas indiscriminadas van diminuíndo ese valioso tesouro que nos vén dado de balde sen que case nos decatemos da súa presenza.

Noticias web

24/06/2020