CRTVG

Buscar

Galicia supera os 13.000 casos con 739 persoas hospitalizadas, 104 nas UCI

Publicado o 18/01/2021 09:39

• O número de ingresados xa supera os do pico da segunda vaga

• Baixa case dous puntos a positividade, que segue moi elevada: 10 %

• Todas as áreas sanitarias superan os mil casos activos

Galicia supera os 13.000 casos con 739 persoas hospitalizadas, 104 nas UCI

O pico desta terceira vaga segue situándose cada vez máis alto, cun ritmo de contaxios preocupante. Seis días consecutivos por riba dos 1.000 contaxios, hoxe foron 1.025. Unha serie que deixa, polo de agora, un balance en Galicia de 13.252 casos activos nesta xornada, 744 máis ca onte.

Todas as áreas sanitarias superan hoxe os mil casos activos, logo dos incrementos en Ferrol e Pontevedra. Non se daba esta situación dende o 10 de novembro, aínda que daquela as cifras eran moito menores: 9.952 casos. A área da Coruña continúa á cabeza, cun ritmo de crecemento no número de contaxios moi superior ao resto.

Por áreas sanitarias a repartición de casos activos sería:

• A Coruña: 3.346 (+217)

• Santiago: 2.341 (+96)

• Vigo: 2.452 (+119)

• Ourense: 1.830 (+91)

• Lugo: 1.146 (+48)

• Pontevedra: 1.088 (+105)

• Ferrol: 1.049 (+68)

A presión hospitalaria supera a da segunda vaga

O número de persoas nos hospitais galegos por mor da covid-19 acada as 739, 84 máis ca onte: 635 en planta (+78) e 104 en UCI (+6). Son cifras superiores ás do pico da segunda vaga, que non excedera as 611 hospitalizacións en total.

O número de ingresados nas UCI daquela si que era maior (o máximo está no 16 de novembro, con 110 persoas), mais o ritmo de contaxios e a tendencia no aumento da presión hospitalaria fai temer que esas cifras se superen nos vindeiros días.

Onte o número de vítimas volveu aumentar tras o parte do Sergas con nove falecementos por mor da covid-19. Así, os falecidos no país polo virus acada as 1.512 persoas.

Tres días por riba do 10 % de positividade

As probas realizadas segundo os últimos datos do Sergas foron 8.879, 630 menos ca onte. Delas deron positivo 890 (-234), o que deixa unha positividade do 10,02 %, case dous puntos menos ca onte. É o terceiro consecutivo día por riba do 10 %.

Mapa de incidencia por concellos