CRTVG

Buscar

Galicia supera os 10.000 casos activos tras máis de 1.100 contaxios en 24 horas

Publicado o 14/01/2021 10:02

• A presión hospitalaria continúa ascendendo (+34)

• A positividade mantívose por riba do 9 % nos últimos tres días

• Récord de probas PCR realizadas (10.752) e de positivos (1.025)

Galicia leva tres xornadas consecutivas batendo récords de contaxios e de subas de casos. Hoxe o Sergas rexistrou máis de 1.190 novos contaxios, dos cales 1.025 foron confirmados por PCR, a maior cifra dende que hai datos oficiais.

Por áreas sanitarias a repartición é:

• A Coruña: 2.469 (+209)

• Santiago: 1.983 (+97)

• Vigo: 1.893 (+173)

• Ourense: 1.348 (+116)

• Lugo: 945 (+55)

• Pontevedra: 867 (+35)

• Ferrol: 710 (+51)

Así, rozamos o pico da pandemia, a comezos de novembro, con 10.215 casos activos, 736 máis ca onte, outra marca de récord.

Medra a cifra de persoas ingresadas

A presión hospitalaria tamén segue incrementándose de xeito preocupante. Hai 545 persoas ingresadas, 34 máis ca onte: 463 en planta (+25) e 82 nas UCI (+9).

 

No que vai de pandemia faleceron no país xa 1.480 persoas, logo da notificación do Sergas de seis pasamentos por mor da covid-19.

Récord de PCR e positivos

Tamén se disparan as probas, que acadan o seu máximo histórico: 10.752, 831 máis ca onte. Delas deron positivo 1.025, outro parámetro que leva tres días seguidos con subas, rachando as marcas de novembro.

Mapa de incidencia por concellos