CRTVG

Buscar

Galicia sobe ata os 827 casos activos e rexistra unha nova morte por covid

Publicado o 12/08/2020 14:35

• A falecida é unha muller de 89 anos da área sanitaria da Coruña

• O presidente da Xunta en funcións comparece a partir das 13.00 tras reunirse co comité clínico. Poderás seguilo en directo en G24.gal

Os casos activos de coronavirus en Galicia levan vinte días seguidos de suba. Segundo os datos comunicados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, xa son 827 casos activos, 87 novos respecto a onte, un dos maiores aumentos nas últimas semanas.

Deles 463 son da área da Coruña, 84 (+4) da de Lugo, 54 (+5) da de Ourense, 45 (=) da de Pontevedra, 116 (+8) da área de Vigo, 45 (+4) da de Santiago, e 20 (+9) da de Ferrol.

A área da Coruña, disparada

A área da Coruña volve aumentar en positivos ata os 463 casos, 57 máis ca onte, máis da metade do total na nosa comunidade. Así, a área retrocede ata niveis de mediados de maio no que respecta a casos activos de covid.

Aumentan os casos en Ferrol

Pola súa banda, a área sanitaria de Ferrol, a que que menos casos activos ten en Galicia, sobe ata 20 (+9), segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública. É case o dobre dos casos activos rexistrados onte. Este incremento deixa unha situación en número de casos na área semellante á de comezos de xuño na área.

Crecemento menor no resto

No resto de áreas tamén se rexistran aumentos, agás a área de Pontevedra, aínda que menores en comparanza coa área de Coruña. Vigo, que onte aumentara significativamente, contabiliza hoxe unha cifra menos de novos positivos.

Un novo falecemento

A Consellería de Sanidade notificou un novo falecemento, co que se eleva o número de falecidos ata os 622. É unha muller de 89 anos da área sanitaria da Coruña.

Do total de pacientes positivos, 3 están en UCI, 35 en unidades de hospitalización e 789 no domicilio.

O número de PCR realizadas é de 269.448, 2.555 máis ca onte, unha cifra máis elevada do habitual.