Galicia anda polos 15.000 casos nunha xornada con récord de contaxios (+1.372)
• A presión hospitalaria segue disparada, con 828 persoas ingresadas
• A positividade leva xa máis dun mes por riba do 5 %
• Xornada récord: máximos en casos, contaxios e PCR

Outra nova xornada constata a mala evolución epidemiolóxica de Galicia. Volvemos superar os 1.000 contaxios, esta vez cunha cifra récord: 1.372. O balance, polo de agora, de casos é de 14.975, 900 máis ca onte, o maior número no que vai de pandemia.
ÚLTIMA HORA | Galicia roza os 15.000 casos nunha xornada con récord de contaxios (+1.372). Hai 828 persoas hospitalizadas (+50), coas UCI disparadas en niveis semellantes a mediados de abril. Preme para saber máis https://t.co/ZwgQjf6ZAC pic.twitter.com/2nSPj7ClOB
— G24 (@G24Noticias) January 20, 2021
Por áreas sanitarias, a repartición dos casos activos é:
• A Coruña: 3.839 (+306)
• Vigo: 2.776 (+180)
• Santiago: 2.593 (+86)
• Ourense: 2.107 (+147)
• Lugo: 1.273 (+63)
• Pontevedra: 1.195 (+50)
• Ferrol: 1.192 (+68)
Presión hospitalaria disparada
O número de persoas ingresadas nos hospitas galegos non para de medrar: hai 828 persoas ingresadas, 696 en planta (+32) e 132 nas UCI (+18). Son niveis próximos aos de mediados de abril, cando o impacto da primeira vaga chegou a levar aos hospitais máis de 1.100 persoas no país.
A cifra de vítimas da pandemia acada as 1.550 persoas, logo de que o Sergas notificara onte o pasamento de 14 persoas por mor da covid−19.
Un mes por riba do 5 %
Dos 1.372 novos contaxios, 1.104 foron confirmados por PCR, o cal revela unha taxa de positividade do 9,33 % das PCR, ao realizárense onte 11.830 probas PCR (+2.011 respecto a onte). Así, a positividade leva trinta días consecutivos por riba do 5 %, limiar máximo recomendado pola OMS.