CRTVG

Buscar

Galicia rexistrou un cento de ocupacións ilegais de vivendas en 2019

Publicado o 28/09/2020 17:25
Galicia rexistrou un cento de ocupacións ilegais de vivendas en 2019

As ocupacións ilegais supuxeron en 2019 un 0,16% do total de infraccións penais en Galicia, segundo os datos facilitados polo delegado do Goberno, Javier Losada, tras unha reunión con mandos do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil para abordar esta cuestión.

Losada apuntou a unha combinación de medidas de carácter social e de seguridade cidadá para evitar o fenómeno da ocupación ilegal de vivendas na comunidade, pero rexeitou que exista unha situación "alarmante". Na súa comparecencia ante os medios, explicou que, do total de 80.288 infraccións penais rexistradas en 2019, 129 foron ocupacións ilegais de inmobles.

"Moi lonxe das 6.000 de Cataluña, as 1.400 de Madrid ou as 1.000 de Valencia e menos que as 213 do País Vasco e 186 de Aragón". "Destas 129 infraccións rexistradas, non todas se corresponden co que entendemos por ocupación dunha vivenda por persoas para vivir nela". "O número destas ocupacións sitúanse nos cen casos rexistrados o ano pasado pola Policía Nacional", precisou o delegado do Goberno, que engadiu que a Garda Civil rexistrou nos últimos cinco anos 46 casos.

"Trátase dunha infracción que se rexistra, principalmente, nas cidades, case de forma exclusiva nas zonas urbanas", apuntou. Por provincias, indicou que A Coruña foi a que rexistrou maior número de ocupacións ilegais (54), seguida de Pontevedra (40) e a moita distancia Ourense e Lugo (7 ocupacións ilegais en cada unha de ambas as provincias).