CRTVG

Buscar

Dez novas vítimas elevan a 60 os falecidos en Galicia con coronavirus

Publicado o 28/03/2020 19:18

• Un total de 95 persoas recibiron a alta e 1.865 pacientes están en seguimento nos seus domicilios

España rexistra o máximo diario de mortos polo coronavirus, 832, o que eleva a 5.690 a cifra de falecidos

Dez novas vítimas elevan a 60 os falecidos en Galicia con coronavirus

Este sábado sóubose do falecemento de máis vítimas a causa do coronavirus en Galicia. Son nove homes e unha muller.

Dous dos varóns, de 82 e 81 anos, non tiñan patoloxías previas e estaban ingresados no Complexo Hospitalario da Coruña. O resto dos falecidos este sábado si tiñan condicións patolóxicas previas.

Dos restantes casos de varóns, un de 82 anos faleceu no CHUS (Santiago), outro de 80 anos no CHUF de Ferrol; dous deles, de 80 e 77 anos, respectivamente, permanecían tamén no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC),  un de 89 anos, estaba ingresado no hospital de Cee; outro varón de 79 anos faleceu no hospital do Barbanza, e outro de 63 anos, no Complexo Hospitalario de Ourense.

A muller finada este sábado tiña 88 anos e morreu no CHUO de Ourense, e tiña patoloxías previas.

Na actualización matinal do sábado, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 2.627, deles 597 son da área da Coruña, 219 da de Lugo, 371 da de Ourense, 290 da de Pontevedra, 633 da área de Vigo, 454 da de Santiago, e 63 da de Ferrol. 

Do total de pacientes positivos, 110 permanecen en UCI, 652 están en unidades de hospitalización e 1.865 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 95 altas de pacientes. Arestora o número de falecementos ascende a 60 persoas. 

O número de PCR realizadas é de 12.885.

832 mortos nas últimas 24 horas en España

Preocupa o alto rexistro de falecidos nas últimas horas, 832 persoas, que eleva a 5.690 a cifra de defuncións en España. A actualización de datos, ofrecidos polo Ministerio de Sanidade, reflicte unha incidencia de 72.248 pacientes infectados, dos que 4.575 precisan ingreso nas UCI.

Na rolda de prensa diaria, prevista para as 13 h, daranse máis datos. Un deles, o máis positivo, é o de número de enfermos que xa recibiron a alta en España, 12.285, a metade deles na Comunidade de Madrid, que xunto con Cataluña son as dúas zonas onde máis casos se detectan.