CRTVG

Buscar

Menos de cen contaxios nas últimas 24 horas en Galicia, que suma 265 mortos

Publicado o 07/04/2020 13:46

• A área sanitaria de Lugo non rexistra ningún novo caso

• Baixa o número de pacientes en UCI e hospitalización

• Hoxe morreron 11 persoas en hospitais galegos

A curva do coronavirus en Galicia parece estar comezando a descender, tras coñecerse os últimos datos oficiais de contaxios e falecementos.

Segundo estes datos, contabilízanse 93 contaxios novos, bastante por debaixo dos 167 máis que se sumaban na xornada de onte. Ademais, hai nove vítimas mortais máis que hai 24 horas, o que sitúa a cifra de mortos nas áreas hospitalarias en 215. O reconto total de falecementos elévase a 265 coa suma dos anciáns falecidos en residencias.

A cifra total de contaxios sitúase, a día de hoxe, en 5.435 persoas que deron positivo en coronavirus. Delas, 1.117 son da área da Coruña, 1.094 da área de Vigo, 999 da de Ourense, 884 da de Santiago, 563 da de Lugo, 466 da de Pontevedra e 312 da de Ferrol. 

Segundo os datos remitidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública, hai 93 novos casos en total respecto de onte. Deles, atendendo aos datos da Consellería de Política Social, 76 corresponderíanse con novos positivos detectados nas residencias de maiores, e outros 10 cos novos casos detectados en centros de discapacitados.

Do total de pacientes positivos, 162 permanecen en UCI, seis menos ca onte, 910 están en unidades de hospitalización (29 menos ca na xornada anterior) e 4.363 no domicilio, 128 máis ca onte. O número de altas en Galicia é de 688, 78 máis.

O número de PCR realizadas é de 32.146.

As últimas sete vítimas mortais son un home de 83 anos que estaba ingresado no CHUS, unha muller de 73, ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro, outro home de 86 ingresado en POVISA, un varón de 90 no CHUAC, un home de 74 no CHUO, unha muller de 85, que estaba ingresada no CHUF, e outra muller de 83 da área de Ferrol.

Tamén se coñecía hoxe a morte de catro persoas. Son un varón de 98 anos ingresado en Povisa, en Pontevedra, outro home de 78 anos que faleceu no Hospital de Monforte, unha muller de 85 anos no Hospital de Cee e unha muller de 88 anos que faleceu no CHUAC.