CRTVG

Buscar

Galicia rexistra 716 falecementos, con catro novas vítimas este domingo

Publicado o 20/09/2020 21:27

Neste hospital faleceron tres das últimas vítimas do coronavirus. Pola tarde notificábase a morte dunha muller de 85 anos que fora trasladada desde o xeriátrico de Outeiro de Rei. No mesmo centro vivían tamén outras dúas anciás falecidas pola mañá. En total, desde que se detectou o gromo, morreron 16 persoas neste centro, onde ata última hora de onte figuraban 134 maiores infectados.

O outro falecido rexistrado este domingo foi un home de 96 anos que finou tamén no hospital de Lugo.

A presión hospitalaria é similar á de días pasados; mantense o número de persoas na UCI e aumenta en sete o número de pacientes ingresados en planta. Medran as altas entre os pacientes que pasaban a enfermidade na casa, e o número de casos activos de hoxe é inferior ao de onte en 15 persoas.

Nas últimas horas detectáronse 223 novos casos e realizáronse máis de cinco mil PCR, unha cifra que se mantén desde hai días e que supera as que se viñan facendo semanas atrás. Por áreas sanitarias, todas, agás A Coruña e Lugo, teñen máis casos activos.

Canto ás residencias, ademais do centro intervido en Culleredo, hai outro xeriátrico da área da Coruña que detectou positivos entre os seus usuarios. Son seis anciáns da residencia Ballesol de Oleiros. E tamén na residencia das Salinas de Ourense se rexistrou un primeiro caso. No resto, mantense o número de infectados entre os anciáns, e no caso dos traballadores hai dous novos positivos en Outeiro de Rei e outro na residencia Ricardo Baró de Oleiros.

Noticias web

20/09/2020