CRTVG

Buscar

Falecen 8 persoas nunha xornada en que Galicia rexistra a cifra máis alta de novos casos de toda a pandemia

Publicado o 30/10/2020 20:49

• Vigo lidera a suba de casos con cifra récord. Só descenden na área de Ourense

• Baixan as hospitalizacións, pero segue crecendo a presión nas UCI

• Ascende a 44 o número de concellos en alerta vermella

Nas últimas horas faleceron en Galicia 8 persoas que foran diagnosticadas por coronavirus.

Trátase de un home de 82 anos que estaba ingresado no Hospital da Mariña; unha muller de 86 anos que estaba ingresada no CHUS; un home de 72 anos que estaba ingresado no CHOP; un home de 83 anos que estaba ingresado no Hospital Quiron-Salud da Coruña; un home de 81 anos e unha muller de 96 que estaban ingresados no CHUO (esta última procedente da Residencia Os Gozos de Pereiro de Aguiar); e dúas mulleres de 76 e 86 anos que estaban ingresadas no CHUVI (ambas procedentes da Residencia de Salvaterra do Mino).

Todas elas presentaban patoxías previas.

Cos novos falecementos, o total de vítimas mortais da pandemia en Galicia ascende a 910.

Este xoves pola tarde Sanidade notificou 13 falecementos na Comunidade galega, a cifra máis alta nunha xornada da segunda onda.

Os contaxios por covid-19 repuntan en Galicia tras detectarse 696 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, o que supón a cifra máis elevada en toda a pandemia na comunidade galega, deles 185 na área en Vigo.

Récord de PCR

Realizáronse 672.435 PCR fronte ás 663.251 rexistradas ata a xornada pasada, o que son 9.184 probas máis, o maior número da pandemia.

Segundo os datos actualizados na web da Consellería de Sanidade, na mañá deste venres con rexistros ata as 18:00 horas deste xoves, tras Vigo, destacan os 115 positivos na área de Santiago e A Barbanza; 117, na da Coruña e Cee; 99, na de Ferrol; 76, na de Pontevedra e O Salnés; 54, na de Ourense e 50, na de Lugo.

Vigo, récord de casos activos de Galicia

Os casos activos superan este venres os 8.000 ao elevarse a 8.363, o que supón 433 máis ca este xoves. Salvo na área sanitaria de Ourense, onde baixan os casos ata os 1.394 (13 menos), aumentan en todas as demais.

Á cabeza a de Vigo, con 1.758 casos activos, o que implica 134 máis que este xoves. É a maior cifra de casos activos rexistrada nunha área sanitaria galega dende o inicio da pandemia. O anterior récord data do 28 de abril, con 1.667 na da Coruña, xusto antes da revisión de casos.

Precisamente, na área da Coruña os casos seguen aumentando ata os 1.432 (74 máis); 1.322 na de Santiago e A Barbanza (71 máis); Pontevedra e O Salnés conta con 899, un total de 61 máis; Lugo ten 801 (19 máis) e Ferrol sitúase con 757 (87 máis).

Hospitalizacións

Descendeu lixeiramente o número de hospitalizados con covid ata situarse en 476 (cinco menos), aínda que os pacientes en Unidade de Coidados Intensivos continúan en ascenso e son xa 69 (dous máis).

Ata a data curaron en Galicia 26.537 persoas, o que implica 267 máis que as contabilizadas este xoves.

Mapa de niveis de alerta

O número de municipios galegos no nivel máximo de alerta aumentou este venres ata os 44, tres máis que a xornada anterior.

En concreto, subiron até esta situación os municipios coruñeses de Boqueixón e Cerceda, así como os pontevedreses de Nigrán e Cambados. Mentres tanto, descendeu a incidencia en Viana do Bolo (Ourense), que pasou de vermello a amarelo.

Hoxe Sanidade tomou medidas e aplicou restricións nas áreas das cidades galegas para frear a expansión do coronavirus.