CRTVG

Buscar

Galicia renova o seu poder local: radiografía dos 313 concellos do país

Publicado o 26/05/2019 08:32
Galicia renova o seu poder local: radiografía dos 313 concellos do país

O vindeiro domingo, os galegos están chamados ás urnas para elixiren os seus representantes nos concellos. En total vanse remudar 313 corporacións locais, unha menos que en 2015 pola fusión dos municipios de Cerdedo e Cotobade. Pero non só cambiou o número de concellos en Galicia. De catro anos para aquí, houbo cambio de alcalde, ben sexa por moción de censura, por dimisión ou mesmo por xubilación. En concreto, este é o mapa de Galicia pola cor do partido ao que pertence actualmente o seu alcalde.

 

A maior parte dos alcaldes galegos pertencen hoxe en día ao Partido Popular, que duplica o seu principal competidor, o PSOE. A continuación están os rexedores do BNG, os dos partidos independentes, os alcaldes que pertencen a algunha confluencia (como a Marea Atlántica, Compostela Aberta ou Ferrol en Común) e outras formacións como Compromiso por Galicia, Esquerda Unida, Alternativa dos Veciños ou Terra Galega.

 

Os últimos rexedores atribuíbles aos populares son os de San Xoán de Río e Parada de Sil, que concorreron ás eleccións de 2015 polo PSOE pero que ficharon recentemente polo PP sen abandonaren a alcaldía.

Mocións de censura

Neste mandato, o Partido Popular ademais obtivo o bastón de mando mediante mocións de censura nos concellos de Boimorto, Fene, Noia, Oia e Santa Comba. O PSOE recuperou a alcaldía de Sobrado tras un mandato en que houbo ata dúas mocións de censura neste concello. A través deste mecanismo, Esquerda Unida tamén obtivo a alcaldía en Mugardos e Converxencia 21 en Tui. No caso de Coristanco, triunfou unha moción de censura presentada por un ex-edil do PSOE que apoiaron ex-concelleiros do PP.

Os últimos 4 anos moitos concellos viviron un cambio de alcalde no medio do mandato: nuns casos por falecemento (A Gudiña, Tordoia), noutros por resolución xudicial (Negreira, Vilariño de Conso, Rairiz de Veiga, Xinzo, Monterroso, Camariñas...), noutros por vontade propia (Culleredo, Taboadela, Narón, Allariz, O Rosal, San Amaro...).

Movementos políticos

Neste mandato, ademais, os que eran alcaldes de Melide, Baiona e Boqueixón -Ángeles Vázquez, Jesús Vázquez e Ovidio Rodeiro- foron chamados para incorporarse ao Goberno galego, polo que deixaron as alcaldías. Tamén deixou a política local para ser deputado na cámara esta lexislatura o que era rexedor de Outes, Carlos López Crespo,falecido recentemente por un cancro.

Nas filas de En Marea, deixou a alcaldía de Manzaneda Davide Rodríguez para dar o salto á política autonómica. O alcalde de Amoeiro, Rafael Villarino, deixou o cargo para para ser candidato do PSOE en Ourense.

Os socialistas galegos afrontan estas eleccións coa incógnita de que resultado obterá en varios concellos ourensáns Espazo Común, o partido creado polo seu ex-secretario xeral, Pachi Vázquez. Tamén está por ver o resultado de Manuel Martínez, alcalde de Becerreá, que abandonou o partido para presentarse por Galicia Sempre, un partido que concorre en varios concellos de Lugo.

Algunhas certezas

Hai varios concellos que van estrear alcalde a raíz das eleccións, dado que os actuais non se van presentar á reelección. É o caso do Páramo, Castrelo de Miño, Pontedeva, Toén, O Saviñao... E tamén é seguro que haberá alcaldesa nos concellos de Allariz, Muros, Oímbra, Vilariño de Conso e Allariz. Alí todas as cabezas de lista son mulleres.

Quedará por ver tamén que pasa o domingo con algúns dos alcaldes máis veteranos de Galicia. Hai 17 deles que aspiran a seguir gobernando despois de máis de 30 anos de mandato. Destaca o caso do alcalde de Beade, que ten o bastón de mando desde 1974. Con todo, o alcalde con máis idade segue sendo o de Dozón, que ten 84 anos e aspira a gañar as súas novenas eleccións consecutivas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí