Galicia reduce os casos activos (-118) ata os 7.419, case 2.000 menos que hai un mes
• Todas as áreas diminúen os seus casos, agás a de Ourense, que aumenta en 14
• Baixan as PCR (-290), pero soben os novos contaxios (+350, 22 máis ca onte)
Galicia encara a ponte da Constitución cunha melloría importante, logo dun novembro de preocupantes cifras récord nesta pandemia. Suma sete días consecutivos de baixada dos casos activos e unha certa estabilización da positividade preto do 5 %.
ÚLTIMA HORA | Galicia reduce os casos activos ata os 7.419 (-118) , case 2.000 menos que hai un mes. Toda a información https://t.co/CA6r0RTEDa pic.twitter.com/4fVIJ27jtC
— G24 (@G24Noticias) December 3, 2020
Hai 7.419 casos activos, 118 menos ca onte. Se botamos a vista aos datos de semanas previas, Galicia reduciu os casos activos en 1.160 respecto á semana pasada e en 1.679 en relación coas cifras de hai dúas. No último mes, os casos baixaron en 1.957.
Por áreas sanitarias:
• Vigo: 1.977 (-7)
• A Coruña: 1.525 (-50)
• Pontevedra: 1.106 (-16)
• Lugo: 885 (-26)
• Santiago: 825 (-9)
• Ourense: 450 (+14)
• Ferrol: 651 (-24)
Redúcese a presión asistencial
O número de hospitalizacións volve baixar e sitúase en 414: 65 nas UCI (-2) e 349 en planta (-15). Mantense polo de agora a niveis de finais de outubro, cando había arredor de 6.000 casos activos.
Por desgraza, o que non parece darse freado son os falecementos: o Sergas notificou onte o pasamento de sete persoas por mor da covid−19. Van 1.228 vítimas no que vai de pandemia.
Baixan as PCR e soben os positivos
Esta xornada o Sergas comunica 6.245 probas PCR novas, 290 menos ca onte. Porén, aumenta o número de positivos lixeiramente: 350, fronte aos 328 de onte. É dicir, non se pode constatar causalidade directa entre o número global de PCR e o número de contaxios.
O parámetro máis fiable para analizar neste sentido a pandemia é a positividade, que hoxe estaría nos 5,60 % (0,58 puntos máis ca onte). Galicia leva xa unha semana oscilando arredor do 5 % establecido pola OMS como o limiar máximo para dar por controlada a pandemia.