CRTVG

Buscar

Galicia reactiva a vida cultural con rexistro de asistentes e ocupación do 30 %

Publicado o 16/02/2021 22:01

• O comercio non esencial recupera o seu horario habitual

• Abre a restauración en áreas de servizo, á espera de que se ultime o plan de desescalada para todo o sector

Os taxis e os VTC recuperan o 100 % de ocupación

Galicia reactiva a vida cultural con rexistro de asistentes e ocupación do 30 %

Os cinemas, teatros, auditorios, congresos e outras actividades similares poderán retomar a súa actividade en Galicia a partir deste mércores, pero deberán levar un rexistro de asistentes con información de contacto de cada un deles para, no caso de que apareza un gromo de covid-19, poñelo á disposición das autoridades sanitarias.

Así o establece a orde da Consellería de Sanidade publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). O texto permite a reapertura de cinemas, teatros, auditorios, congresos e similares e recintos ao aire libre para espectáculos públicos e actividades recreativas, pero cun máximo do 30 % da ocupación permitida, que non deberá superar as 250 persoas en espazos pechados e as 500 en abertos. Ademais, a orde de Sanidade recolle a novidade de que estes recintos deberán manter un rexistro de asistentes cos seus teléfonos de contacto, que custodiarán "durante un mes" tras o evento de que se trate e sempre "cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal".

As persoas que acudan ao espectáculo terán que permanecer sentadas, manter a distancia de 1,5 metros -salvo que sexan conviventes- e levar máscara en todo momento. Así, coa finalidade de evitar aglomeracións, a distribución das butacas será "homoxénea" e haberá unha planificación "adecuada" para controlar os accesos e a circulación dos asistentes. As instalacións cubertas terán que ventilarse polo menos 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada e de maneira frecuente e obrigatoriamente ao final de cada actividade. 

Se se utilizan sistemas de ventilación mecánica, estes non poderán empregar a función para facer recircular o aire interior, senón que deberán fornecer aire fresco. Canto a congresos, encontros e actos similares en que os asistentes non permanezan sentados en todo momento, terán que contar coa autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, á que haberá que comunicar a data, as actividades para realizar e as medidas organizativas e de seguridade sanitaria. De feito, os titulares ou promotores, sexan públicos ou privados, terán que achegar un plan de prevención de contaxios.

Así mesmo, a desescalada que arrinca este mércores tamén permitirá a reapertura de bibliotecas, arquivos, museos, salas de exposicións, monumentos e outras instalacións culturais, cuxa ocupación tamén estará limitada ao 30 %. Nas actividades que se realicen por grupos, estes serán de ata catro persoas -sen contar o monitor ou guía- e entre aquelas que non sexan conviventes deberá haber a preceptiva distancia de seguridade.